En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Máis de 500 persoas na Ruta dos Fornos de Celavente

A cita gastronómico-turística celebraba este ano o décimo aniversario

Ameazaba treboada pero finalmente o tempo respectou e entre nubes e claros, cun vento que refrescaba aos camiñantes, desenvolvíase a X edición da Ruta dos Fornos de Celavente que reuníu a unhas 550 persoas de diferentes puntos da comarca de Valdeorras e incluso de fóra. Sen chegar ao récord do ano pasado, segundo a organización a asistencia foi boa, así como a valoración desta edición da ruta que mestura gastronomía, deporte, cultura e natureza.

Pasadas as 13 horas do sábado 29 de abril, Juan Corzo inauguraba a festa coa lectura do poema especialmente escrito para conmemorar o decimo aniversario da cita. De seguido, como cada ano Jorge Isla era o encargado de dar as instruccións básicas para completar o percorrido e coa pañoleta morada e a taza na man, os participantes comezaban o percorrido de algo máis de 4 quilómetros polo pobo bolés, atravesando soutos de castiñeiros e eiras, e visitando os seis fornos comunais restaurados hai unha década con degustación de produtos da zona en cada un: chourizo asado no Forno do Viduedo;  empanada no Forno dos Hortos; orella, morro e lacón asado no Forno de Outeiro; doce de castañas na Adega da Capilla, xamón asado no Forno do Fondo; torta de roxóns no Forno do Campo; e roscón no Forno do Cima.

A charanga Compostela e o Ouruxobruxo de Abertal puxeron a nota musical durante o percorrido. Ao rematar, na praza esperaba a discoteca Danzalia para poñer o broche a esta exitosa cita.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button