OurenseÚltima hora

Máis de 6.000 visitas e 180 coches vendidos no 13º Salón do Automóbil, en Expourense

 

O 13º Salón do Automóbil pechaba na tarde do domingo 23 de outubro as portas dunha edición atípica na que os tradicionais Salón do Vehículo Novo e de Ocasión, que se celebraban en Expourense durante dúas fins de semana consecutivas, se fusionaron nun único salón que ofreceu durante catro días máis 350 coches, novos e de ocasión. A folga do metal derivou na cancelación da feira da primeira semana pero puido ser celebrada durante esta con total normalidade. Foi organizado de forma conxunta entre Expourense e A.C.A.U.T.O. coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e contou coa participación de 14 concesionarios que representan a 18 marcas.

 

 

A pesar de todas as circunstancias que rodearon a organización desta décimo terceira edición, os organizadores dan por moi bos os resultados e indican que esta feira cumpriu as súas expectativas tanto no referente ás vendas de vehículos como de visitas recibidas no recinto feiral dende o pasado xoves día 20 ata esta tarde de domingo. A falta de contabilizar as vendas de última hora, calcúlase que foron vendidos nestes catro días ao redor 180 coches (un 60% de ocasión e un 40% de vehículos novos de media, aínda que a variable depende bastante segundo o concesionario) e recibíronse máis de 6.000 visitas, sendo as tardes do sábado e do domingo os momentos de maior afluencia de asistentes.

 

 

Como incentivo para animar á compra de vehículos, organizouse como é habitual un sorteo dun bono de desconto de 6.000 euros no que participan todos aqueles que mercaron un vehículo ou de ocasión, durante esta 13ª edición do salón. O sorteo realizarase esta semana ante Notario na sede da Confederación Empresarial de Ourense e a entrega do cheque está prevista para o mércores 9 de novembro no concesionario que vendese o coche da papeleta gañadora.

A actividades continúa en Expourense xa que dende hoxe retómase a vacinación masiva no recinto que xa se fará de forma continuada ata o día 7 de novembro porque do 9 ao 13 de novembro se celebra a 23ª edición de Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico. Entre o 28 de outubro e o 6 de novembro tamén se instalará na explanada do recinto o Circo Tamberlick.

Artigos relacionados

Back to top button