DeportesÚltima hora

Máis de 700 ximnastas participarán no torneo de Ribadavia

Deportistas de España, Portugal, Ucraína ou Rusia asistirán á V edición do campionato do 24 ao 26 de marzo
Presentación do V Torneo Internacional Vila de Ribadavia de Ximnasia Rítmica.
Presentación do V Torneo Internacional Vila de Ribadavia de Ximnasia Rítmica.

En plena Semana Santa, os días 24, 25 e 26 de marzo celebrarase o V Torneo internacional vila de Ribadavia de ximnasia rítmica, organizado polo Club Marussia. Unha competición que conta xa con máis de 700 ximnastas inscritas e preto de 100 adestradoras de 37 clubs de distintos lugares: Galicia, Asturias, Castela e León, Madrid, A Rioxa, Castela-A Mancha, Valencia, Murcia, Portugal, Ucraína e Rusia.

Os datos adiantábanse na presentación que tiña lugar na mañá do 16 de marzo no Pazo Provincial da Deputación de Ourense, á que asistiron o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; o concelleiro de Deportes do Concello de Ribadavia, Ricardo González; o director do Servizo Municipal de Deportes de Ribadavia, José Manuel Pérez; a secretaria e adestradora do Club Marussia, Pilar Vázquez; e a directiva do club, Marta Vitori.

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que fomenta “os valores do deporte e pon en valor a nosa provincia e, neste caso coa presenza de numerosos equipos a nivel autonómico e de outros de fóra de España”, en palabras de Bernardino González. Pola súa banda, Pilar Vázquez fixo especial fincapé na relevancia que ten este tipo de evento deportivo para as ximnastas, afirmando que é fundamental “promocionalo, sobre todo, para que as nosas ximnastas poidan ver a ximnastas de máis nivel e compartir momentos con outras deportistas que non coñecen e nos que se crean fortes lazos deportivos que se van afianzar no futuro”, afirmou a adestradora do Club Marussia.

No que respecta á programación, para o 24 de marzo está prevista no Pavillón Municipal de Ribadavia a competición de conxuntos escolares, conxuntos de promoción e individuais. O 25 de marzo no Pazo dos Deportes “Paco Paz” será a quenda para a competición nivel base individual e federado individual. Por último, o 26 de marzo de novo no Pavillón Municipal de Ribadavia, terá lugar unha Master Class de ximnasia rítmica impartida pola ex ximnasta rusa Olga Kapranova. A entrada para asistir a este torneo é gratuíta.

Artigos relacionados

Back to top button