OurenseÚltima hora

Máis de 750 cativos das categorías benxamín e alevín participarán na fase final do Memorial Manolo Carrera

Será esta fin de semana no campo de fútbol de Velle

Presentación da final do memorial.

 

O campo de Velle acollerá esta fin de semana a fase final da XI edición do Memorial Manolo Carrera, un torneo referente do fútbol base en Ourense que conta este ano coa participación de máis de 750 nenos. Logo da fase previa, que se realizou a semana pasada, o torneo chega á súa fase final o sábado, na categoría benxamín, e o domingo, na alevín. As dúas finais serán ás 19:30 horas.

A presentación do torneo, tiña luga esta mañá no salón de plenos do Concello de Ourense coa participación do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, do concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, do deputado provincial Jorge Pumar, do xefe do servizo de Deportes da Xunta, Manuel Pérez, e do presidente do Club Deportivo Velle, Paco Sotelo.

Sotelo manifestou que para a directiva do club “por unha parte é un orgullo seguir ano tras ano lembrando a Manolo Carrera, que tanto fixo polo deporte base, e por outra é un pracer ver a cantidade de rapaces de 8, 9, 10, 11 anos que estarán no campo de Velle coas súas familias. O tempo vainos acompañar e agardamos que sexa unha grande festa do fútbol base”, asegurou.

A organización convidou como todos os anos a todos os equipos de Ourense a participar neste torneo, no que estarán tamén equipos procedentes doutras provincias galegas como o Deportivo da Coruña, o Celta de Vigo ou o Lugo.

O concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, que asistiu xa á fase previa, destacou o ambiente “espectacular” de Velle neste torneo, e expresou o pracer do Concello de colaborar neste evento, que lembra “unha figura emblemática do fútbol ourensán”. Destacou a sensibilidade do Velle á hora de “convidar a participar a todos os equipos de Ourense”, e ponderou a importancia de “xerar sinerxías entre os clubs ourensáns. Todos xuntos sempre somos máis fortes”, asegurou.

Pola súa banda, o deputado provincial, Jorge Pumar, destacou que este memorial, que cumpre 11 edicións, é “un exemplo de colaboración entre administracións, pero sen un club como o C.D. Velle sería imposible. Once anos consecutivos facendo este evento non é doado”, polo que lle agradeceu á directiva do Velle o seu labor.

Artigos relacionados

Back to top button