O parque náutico de Castrelo de Miño acollerá esta fin de semana os campionatos de España de remo nas modalidades de longa distancia e de seleccións autonómicas.
Un evento que conta co apoio da Deputación de Ourense, a través do Inorde, reunirá a un total de 1.150 remeiros de 107 equipos de 9 comunidades. Na presentación, Manuel Baltar asegurou que “Ourense é un dos mellores lugares de Europa para a práctica do remo, e así o acreditan as seleccións nacionais e os equipos que veñen ao noso territorio a preparar campionatos do mundo e olimpíadas, o que supón un exemplo do potencial da nosa provincia ligado ao termalismo deportivo”. Baltar recoñeceu o traballo que fai o Inorde, a través do seu xerente, José Manuel Rodríguez, “para que estes importantes acontecementos deportivos se poidan celebrar na nosa provincia, pois non é nada doado albergar campionatos destas características, porque, ademais das condicións e das infraestruturas necesarias, é preciso convencer con argumentos, presentar unha candidatura e contar coa máxima receptividade por parte das máximas autoridades do mundo do remo”.
Pola súa banda, a presidenta da Federación Española de Remo Asunción Loriente, destacou os medios, as facilidades e as instalacións que Ourense pon a disposición do remo, salientando “a pista de 2.000 metros que se vai a estrear esta fin de semana nos campionatos”, cualificando a Castrelo de Miño como “o mellor lugar de España para remar”, e remarcando “a importancia de potenciar os equipos autonómicos de remo para logo poder ter uns bos equipos nacionais”.
O IX Campionato de España de Longa Distancia terá lugar o 9 de febreiro a partir das 9 horas nas categorías de cadete, xuvenil e absoluto, sobre unha distancia de 5.500 metros. O Campionato de España de Seleccións Autonómicas disputarase o 10 de febreiro, a partir das 16:30 horas, no que competirán remeiros das mesmas categorías, sobre unha distancia de 1.000 metros.
Ao remate dos campionatos, os máis de trinta deportistas que integran a selección española de remo comezarán no centro de adestramento (CERLAC) de Laias Caldaria unha etapa de trinta días de preparación cara ás vindeiras competicións internacionais que teñen que disputar.