
O programa EsquiOU, unha iniciativa da Deputación de Ourense para que nenos e nenas da provincia aprendan a esquiar na Estación de Montaña Manzaneda, referenda un ano máis o seu éxito con máis dun millar de solicitudes. “O total de prazas, que este ano superou por primeira vez a barreira das mil (1.050), cubríndose as quendas en apenas uns días”, aseguran dende a Deputación.
O compromiso coa inclusión social, unha das grandes novidades deste ano ao incorporar prazas para menores con discapacidade, tivo unha boa resposta das familias. “Dende o pasado 9 de decembre, unha trintena de menores con algunha dificultade se anotaron a este programa no que, ademais de esquiar, tamén terán a oportunidade de realizar diferentes actividades lúdicas e deportivas”, din dende a Deputación, lembrando que o obxectivo desta novidade “é que estes rapaces poidan acceder ao deporte e a diversión sen barreiras de ningún tipo”.
A inscrición ao EsquiOU rematou este 27 de decembro, superando as expectativas coa gran demanda das familias, que puideron anotar aos menores nacidos entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2016 na provincia de Ourense. O total de prazas está dividido en 10 quendas de 105 prazas cada unha. De estas, cinco estarán reservadas para menores con algún tipo de discapacidade. Os rapaces, ademais de estar permanentemente supervisados por monitores formados e cualificados no tratamento de nenos con algunha dificultade física ou intelectual, tamén poderán ir acompañados dun pai, nai, titor ou membro do centro educativo.
Aínda que a gran parte das quendas xa se cubriron, o programa EsquiOU facilita que se algún participante queda sen praza na quenda que lle corresponde, pasa a unha lista de agarda para ser inscrito no caso de quedar prazas baleiras noutras quendas.
Por número de solicitudes, as quendas máis demandadas son as de Ourense, Allariz-Maceda-A Limia e Ribadavia- Carballiño, con preto de 200 inscricións en cada unha delas.