SanidadeÚltima hora

Malestar no ámbito educativo pola “escaseza de pediatras” no Centro de Saúde do Barco

Dende a ANPA do CEIP Condesa de Fenosa aseguran que as familias amósanlle a súa preocupación por esta situación

CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa do Baro de Valdeorras. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

A escaseza de pediatras no Centro de Saúde do Barco de Valdeorras é un problema que vén xa dende hai uns anos, coa xubilación dun dos tres que había e cuxa praza non foi cuberta, pero que se foi agudizando co tempo. Concretamente neste verán cando se xubilaba outra das facultativas “ocupando o seu posto unha médica de familia. Neste momento están Manuel Caramés e Eva Macías co cal cada vez que falla un deles, quedamos con un só pediatra para toda a contorna, para desprazados, urxencias e consultas ordinarias”, explica Betty López, presidenta da ANPA do CEIP Condesa de Fenosa, que recibe as queixas e malestar da familias dos alumnos do centro escolar. “A día de hoxe calquera nai que queira pedir cita para pediatría non ten ata o día 31, no mellor dos casos”, di Betty, puntualizando que no Centro de Saúde pódenos meter por urxencia sempre e cando o cupo non está cuberto e só ata as 15 horas.

Este problema aínda se acentúa máis estes días xa que “unicamente está Caramés co cal nos din que vaiamos ao PAC pero alí din que non están para iso co cal as familias están moi molestas”, asegura Betty engadindo que ademais no colexio teñen un brote de larinxite aguda e as familias “teñen que ir cos nenos polo privado, ao PAC recibindo a bronca correspondente ou incluso a Ponferrada”.

O malestar chega a través da ANPA dende varias familias porque neste momento no Condesa de Fenosa hai moitos nenos enfermos. “Dende o PAC aseguran que se trata de casos puntuais pero non é así porque está pasando dende hai moito tempo e os pediatras dicen que poñamos reclamacións individualmente, algo que fixeron moitas familias pero o problema segue aí e son moitos os nenos que hai na comarca porque a este centro veñen todos, non só os do Barco”, conclúen dende a Asociación de Nais e Pais.

Dende a Área Sanitarias de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras pola súa banda, aseguran que non existe escaseza de pediatras e que os ratios de nenos por pediatra son os adecuados. “Xubilouse unha pediatra pero xa ten substituta”, explican.

 

Artigos relacionados

Back to top button