Tal como estaba previsto, o domingo 21 de marzo abríase a tempada oficial de pesca fluvial na meirande parte de ríos e encoros galegos, coa nova Lei de Pesca Continental en vigor. Unha lei que afecta de xeito especialmente negativo ao colectivo de pescadores dende embarcación, ao especificar que “dende embarcacións ou calquera elemento flotante só se pode practicar a pesca sen morte, en calquera encoro de Galicia, sen ningún tipo de distinción”.
Un deses pescadores afectados é Javier Mondelo, natural de Quiroga, e el mesmo explica que poden ir na barca polo encoro, baixarse e pescar dende fóra sen problema e levar as troitas, “pero o inconvinte é que se te collen na barca coas troitas múltante porque non podes demostrar que as colliche abaixo, co cal os que pescan sen morte non teñen problema pero os que pescamos dende embarcación non podemos facelo, con todo o que implica porque levamos feitos investimentos moi grandes nos aparellos de pesca que temos”, asegura Javier.
Aínda que non de forma indirecta, esta nova lei acabará con este colectivo de pescadores e tamén afectará a outros sectores como o do comercio ou dos seguros. “Sei de xente que este ano xa non renovará nin a licenza de embarcación nin o permiso de pesca para telo parado, porque non son baratos a verdade”, asegura Mondelo, recoñecendo que pola zona de Quiroga e sobre todo do Belesar e do Miño hai moita xente afectada. “O ano pasado obrigáronnos a cambiar todos os motores de 2 a 4 tempos co cal os que quixemos seguir pescando non tivemos máis remedio que cambialo. Agora o lóxico que tiñan que ter feito sería poñer certos encoros ou polo menos tramos nos que si se pudera pescar con morte ou polo menos facer unha moratoria para que a xente non seguira mercando material ou se poida desfacer del pero así téñennos paralizados”, laméntase.