SanidadeÚltima hora

Mañá luns comeza o servizo de atención psicolóxica a través do 112 pola emerxencia sanitaria por coronavirus

O dispositivo estará activo durante as 24 horas do día, 7 días á semana, mentres dure o estado de alarma

 

Mañá, luns 6 de abril, a Xunta de Galicia porá en marcha un dispositivo de atención psicolóxica a través do 112, dirixido a toda a poboación galega, para “atender o grave impacto no benestar psicolóxico e na saúde mental que ten esta emerxencia sanitaria polo coronavirus”.

Trátase dun servizo prestado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, a través dos profesionais do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), que será accesible a través do teléfono de emerxencias 112.

Altos niveis de estrés ou ansiedade, derivados do confinamento e da falta da rede habitual de apoio que temos as persoas, a soidade que ocasiona o illamento social, os problemas laborais e por suposto, situacións de sufrimento pola hospitalización ou perda de seres queridos afectados pola enfermidade. Son algúns exemplos do impacto psicolóxico que está ocasionando esta emerxencia e que estarán atendidos por estes psicólogos, sanitarios e clínicos, que “contan cunha ampla experiencia no eido das intervencións en situación de crise”, puntualizan dende a Xunta, explicando que os profesionais do GIPCE están especializados na atención psicolóxica en situacións de emerxencia e catástrofes. “Coa súa intervención procuran minimizar o impacto nas persoas afectadas, restaurar as súas capacidades e recursos para que poidan resolver o máis eficazmente posible a situación de estrés e previr posibles problemas psicolóxicos posteriores”.

O dispositivo estará activo durante as 24 horas do día, 7 días á semana, mentres dure a emerxencia, e actuará en estreita coordinación cos psicólogos e psicólogas clínicas do SERGAS para derivar a aquelas persoas que requiran dunha atención máis especializada.

Artigos relacionados

Back to top button