PolíticaÚltima hora

Manifestación na Rúa contra o traslado da actividade do COC de Iberdrola nesta vila

A marcha era convocada pola CIG-Industria para a mañá deste domingo 28 de marzo

 

Trala concentración celebrada diante da oficina de Iberdrola na Rúa o pasado 24 de febreiro, e dada a inminente chegada da data fixada por Iberdrola para o peche do Centro de Operación de Conca (COC) da Rúa, o sindicato CIG-Industria convocaba unha manifestación para este domingo, 28 de marzo, para intentar evitar o anunciado traslado.

A marcha comezaba pasadas as 11:30h. desta mañá dende a gasoliñeira da rúa Circunvalación,  pasando pola Progreso e a Docutor Vila, regresando de novo á rúa circunvalación, fronte ao edificio de Iberdrola, con remate na praza do Concello onde o secretario xeral da CIG, Pablo Carril, lia o manifesto.

Carril explicou que Iberdrola vai trasladar a Salamanca a actividade que se estaba desenvolvendo nos 4 Centros de Operación de Conca existentes, entre eles o da Rúa, cuxo persoal irase incorporando ao novo posto a partires do 6 de abril. “Con esta operación Iberdrola só estaba pensando no aforro de custos e a afectación dos seus resultados económicos, sen pensar na destrución destes postos de traballo e os problemas que isto carrexa tanto aos afectados e afectadas como ás súas familias”. Dende a CIG aseguran que a empresa hidroeléctrica impuxo os calendarios, os traslados e as indemnizacións “pero non lles fixo ningún caso ás súas demandas”, provocando unha situación “que non deixa de ser o resultado dunha falla de política industrial e enerxética da Xunta de Galicia, un paso máis na desertización industrial que atravesamos”.

 

Os deputados nacionalistas Bernardo Varela, María G. Albert e Noa Presas.

 

Diante dos manifestantes, o secretario xeral da CIG asegurou que dende o sindicato que representa están “en desacordo coa política de centralización de servizos das grandes empresas, que se aproveitan dos nosos recursos naturais e pechan os centros de traballo onde se producen”, reiterando que “esiximos o mantemento en Galiza tanto das instalacións dende as que se supervisan as centrais hidroeléctricas da compañía Iberdrola, como de todos os postos de traballo que xeran”.

Entre os asistentes á manifestación celebrada na Rúa estaban varios deputados do BNG. María G. Albert e Noa Presas deputadas no Parlamento galego; e Bernardo Varela, deputado provincial.

Fotos cedidas.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button