Tamén no Colexio Plurilingüe Divina Pastora do Barco e baixo o lema ‘Paz, Paz, Paz ata que o grito se faga verdade’ celebraban na mañá deste xoves 30 de xaneiro o Día Escolar da Non Violencia e a Paz, cos alumnos de todos os ciclos educativos (Educación Infantil, Primaria e Secundaria) e os profesores, acompañados polas familias, nun acto que tiña lugar no pavillón escolar, no que daban lectura ao manifesto ademias dun poema de Gloria Fuertes. Tampouco faltaban as cancións.
O Día Escolar da Non Violencia e da Paz celébrase cada 30 de xaneiro porque ese día, en 1948, era asasinado Mahatma Gandhi, un líder pacifista que defendía e promovía a non violencia e a resistencia pacífica contra a inxustiza e nace “grazas ao poeta, pedagogo e pacifista español Llorens Vidal que estableceu e impulsou en 1964 unha experiencia educativa de renovación pedagóxica que conseguiu estenderse a nivel internacional, de tal xeito que foi recoñecida polo Ministerio de Educación e Ciencia dende 1974 e pola ONU dende 1993”, explicaban esta mañá no acto.
“Seguro que todos e todas, nalgún momento da nosa vida, vivimos situacións conflitivas: na casa, na familia, na escola, cos nosos amigos ou compañeiros,… Neses momentos, os nosos corazóns non están en paz. Máis aló dos nosos conflitos persoais, no mundo viven moitos conflitos todos os días. Por desgracia, podemos ver moitas situacións nas noticias”, dicían, asegurando que “quizais non poidamos facer nada para resolver os conflitos mundiais, pero o que podemos facer é buscar solucións aos que atopamos todos os días no noso entorno máis próximo. Na nosa man está converter estas situacións conflitivas en situacións nas que poidamos vivir en paz. Por iso hoxe todos xuntos, cos nosos xestos e actitudes, queremos ser sementadores e portadores de Paz”, concluían na presentación do acto.
Fotos cedidas.