Un ano máis FotoSíntese presenta a súa Exposición Fotográfica Colectiva anual no Liceo Recreo de Ourense, do 16 ao 31 de xaneiro.
O tema escollido para a decima exposición colectiva da Agrupación titúlase “Mans que falan” e está formada por un conxunto de 26 imaxes, tanto en cor como en branco e negro, doutros tantos autores. Unha colección de fotografías que teñen como fio conductor transmitir o poder das mans como unha linguaxe que por si mesma ten forza de abondo como elemento de comunicación e que, noutras ocacións, acompañando ás verbas as reforzan e visibilizan de xeito máis nidio sen ser conscientes delo na maioría das ocasións.
“As mans falan, con elas podemos facer as cousas máis fermosas e tamén as máis terribles e escuras. As nosas mans son reveladoras dun mundo infinito de situacións e contextos: definitorias da nosa personalidade, das nosas capacidades e mesmo territorio de controversia”, aseguran dende a Agrupación FotoSíntese, agardando que o espectador desfrute da visita á mostra e que “estas imaxes teñan tamén o poder de sedución do que gozan moitas mans”.