EntrevistasÚltima hora

Manuel Baltar: “Vencellar a tecnoloxía co territorio é unha gran aposta”

O presidente da Deputación de Ourense fai balance do que vai de lexislatura e destaca a gran oportunidade que suporá o acceso da alta velocidade de Galicia a través da provincia, a dixitalización e recursos turísticos como o termal

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no seu despacho no Pazo Provincial./ Foto: Carlos G. Hervella

 

Manuel Baltar (Ourense, 1967) está convencido de que se está abrindo un novo e positivo escenario para a provincia. E enumera os motivos: os seus recursos termais (coa recente aprobación do Plan de Sustentabilidade para o Destino Ourense Termal), a rápida conexión con Madrid que suporá o AVE, a aposta pola tecnoloxía e a innovación ou o feito de ser a provincia con maior número de quilómetros de fronteira con outro país. “Ábrese unha grandísima oportunidade e a Deputación de Ourense está chamada a xunguir todas esas pezas do puzzle”, asegura.

No ecuador deste mandato o presidente provincial fai balance destes dous anos de xestión, condicionados en gran medida polo Covid-19. Batar pon o foco no reto demográfico e na dixitilización e incide na importancia dos fondos europeos e no papel que deberían ter neles as deputacións. “As axudas deben desconcentrarse, descentralizarse e vencellarse ao territorio”, resalta.

Ademais, Manuel Baltar, que preside o PP de Ourense, fala de como este partido prepara as vindeiras eleccións locais de maio de 2023, cun congreso provincial previsto para setembro, e adianta a súa intención de repetir como candidato á presidencia da Deputación ourensá.

Vén demandando unha xestión directa dos fondos europeos de recuperación tamén dende as Deputacións, ¿vai ser posible?

Polo coñecemento que teño, como presidente da Asociación Europea de Gobernos Provinciais e da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais, a incerteza aínda hoxe é absoluta. Lévase falando meses de cantidades, pero nada de procedementos, nada de concreción, nin de prazos. Por se acaso, a Deputación de Ourense presentou, e fomos a primeira de España en facelo, unha estratexia de captación de financiamento comunitario non só vencellado aos fondos Next Generation, senón a todo o que proveña do marco financeiro plurianual 2021/27. Esta estratexia fixémola pública diante dos motores políticos do territorio, que son os alcaldes e alcaldesas da provincia, e está a disposición de calquera. Marca unha folla de ruta complementaria ao noso plan de mandato e establece 15 proxectos tractores que van a beneficiar ao conxunto do territorio.

Entón, estamos preparados, temos discurso e presenza nas institucións, e así o 14 de xullo a Subcomisión de Deputacións da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), de cuxa xunta de goberno formo parte; volveu reclamar ao goberno o papel das administracións provinciais para presentar proxectos e xestionalos, habida conta do escaso músculo financeiro e de persoal de moitos concellos de España. Estamos falando de 8.131 concellos e de 52 gobernos provinciais, e nós, que defendemos unha visión integral de provincia, podemos axudar aos concellos a deseñar eses proxectos, a programalos e executalos. Esa disposición é permanente, a Deputación é como a gran consultora dos concellos, ese é un papel fundamental.

Unha das cuestións clave no futuro da provincia é a demográfica, ¿de que maneira e con que medidas se está traballando niso?

A situación demográfica é unha constante non só en Ourense, Galicia e España, senón en Europa. Nós apostamos, primeiro, por manter emprego nos lugares de residencia e estamos executando con fondos europeos o Plan EmpredOU, cunhas 110 persoas novas que nestes momentos contan cunha axuda directa para proxectos de autoemprego ou autoemprendemento nos seus municipios. Por outra banda, a colaboración e cooperación entre administracións é esencial e as decisións políticas deben ter en conta esa aposta polo equilibrio territorial.

Nós temos unha vantaxe sobre calquera outro territorio en Europa que é o recurso termal e, en meses, estaremos a pouco máis de 2 horas de Madrid, co cal ganaremos competitividade. Ademais a mellora das comunicacións facilitará a aposta que vimos facendo pola tecnoloxía, con tres patas principais, unha delas o Parque Tecnolóxico de Galicia. Logo están o Centro Galego da Innovación da FP, unha proposta da Deputación con cofinanciamento da Xunta, que abrirá as súas portas en Ourense en meses; e o Edificio Provincia Intelixente, no que xunto á Abanca, fixemos posible a concentración de alto emprego tecnolóxico máis importante e seguimos tentando atraer novas empresas a ese polo de innovación.

Cando imos a foros nacionais e internacionais de prestixio recoñécese ese labor e por iso celebraremos en Ourense a Mobile Week durante tres anos seguidos: en novembro do 2021, 2022 e 2023. Falamos da provincia como foro de innovación e vangarda, vencellando a tecnoloxía ao territorio, o que é unha gran aposta porque, non nos enganemos, a xente poderá vivir onde lle apeteza pero quererá ter acceso, nese afán pola dixitalización, aos medios de comunicación e, sobre todo, ao teletraballo que tan de moda se puxo.

Neste ano imos realizar tamén unha boa proba co programa Destino Turístico Intelixente, con financiamento europeo e que só 4 provincias españolas puideron conseguir. Trátase de facer un turismo á carta, non masificado e familiar, vendo o maior e mellor románico de España, paraxes espectaculares, dende os cumios de Galicia ata lugares como Laias, Castrelo de Miño ou Arnoia, onde as seleccións internacionais de remo e piragüismo veñen a preparar campionatos ou olimpíadas. A Deputación está no labor de unir todo iso para ser capaces de presentar algo moi competitivo.

¿Que modelo defende para a Estación de Montaña de Manzaneda, a única de Galicia, que dende hai uns meses ten nova xestión?

Manzaneda é unha das xoias da provincia. Con neve constitúe unha referencia non só galega, senón nacional e mesmo internacional co norte de Portugal. Por iso a Deputación volveu ao accionariado da estación e foi quen de poñer en marcha o investimento máis alto co equipamento dos canóns de innivación. E sen neve ten que ser o gran parque de ocio e natureza de Galicia.

A actual xestora ten unhas propostas moi interesantes, estamos dotando á estación de contido con actos como a Volta a España feminina, festivais ou actividades de deporte de natureza que creo que van a resituar a Manzaneda, un lugar onde estiveron moitos galegos e do que desconectaron nos últimos tempos. Debemos conseguir que volva ser atractivo, xa que supón unha aposta forte para a provincia e para Galicia.

As dinámicas de colaboración que mantemos coa Xunta van no bo sentido. Este lugar é espectacular, posúe equipamentos importantes, polo que xa hai un camiño andado e, sen dúbida, vai ser un dos puntos de referencia galegos para visitantes que queiran desconectar e respirar aire puro, pero tamén para que os grupos, as expedicións e os clubs deportivos preparen calquera competición.

Texto: A.R.
Fotos: Carlos G. Hervella

A entrevista íntegra a Manuel Baltar pode lerse na edición en papel de agosto do Periódico O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button