CulturaCulturaÚltima hora

Manuel García “Buciños” recolle o XXXIX Premio Celanova, Casa dos Poetas

 

Un ano máis, a principios de setembro, Celanova lembra aos seus ilustres escritores, cun acto celebrado o domingo día 3 no que o escultor Manuel García “Buciños” recibía o XXXIX Premio Celanova, Casa dos Poetas.

Os actos comezaban coa recepción na praza Maior do premiado e os convidados entre os que se atopaban tanto representantes institucionais como numerosos persoeiros vinculados ao mundo da cultura. De seguido tiña lugar unha ofrenda floral e unha lembranza de Celso Emilio diante do seu monumento con motivo do seu 44 cabodano coa interpretación da Alborada de Celanova a cargo da Banda de Gaitas de Celanova; o recitado de poemas de Celso Emilio Ferreiro por compoñentes do Grupo de Teatro Solpor; e a interpretación do Himno Antergo pola Banda de Gaitas.

Unha vez rematada a homenaxe, os asistentes trasladábanse ao claustro barroco onde tiña lugar a entrega do premio conducida por Felipe Ferreiro, patrón da Fundación Curros Enríquez, que daba paso á apertura do acto por parte Antonio Puga Rodríguez, alcalde de Celanova e presidente da Fundación Curros Enríquez, e á lectura da concesión do premio por parte do secretario da fundación, Antonio Piñeiro.

 

 

Como ven sendo habitual entregábase a Manuel García “Buciños” unha medalla de prata, coa imaxe da fachada da casa e as letras “C” (Celanova, Casa, Celso, Curros e Castor, de Castor Elices) da autoría de Acisclo Manzano e un gravado realizado por Baldo Ramos que recolle un extracto da acta do premio, e despois de asinar no libro de honra da Fundación, realizarase unha laudatio a cargo do artista Baldomero Moreiras.

Tras as palabras de agradecemento a cargo de Manuel García “Buciños”, interviñeron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, o director xeral de Cultura, Anxo Manuel Lorenzo en delegación do Conselleiro de Cultura, e Rosendo Fernández, en representación da Deputación Provincial de Ourense.

O acto estivo amenizado polo grupo Jazz Reflections rematando co Himno Galego a cargo da Banda de Gaitas de Celanova.

Artigos relacionados

Back to top button