ConcellosManzanedaÚltima hora

Manzaneda a vista de paxaro

A Estación de Montaña suma os ascensos en globo aerostático á súa oferta de actividades para a tempada estival

Panorámica da Estación de Montaña Manzaneda.

 

Cunha nova oferta de actividade para este verán vén de sorprender a Estación de Montaña Manazaneda. Os días 21, 22, 28 e 29 de agosto, ademais do 4 e 5 de setembro ofrecerá aos seus visitantes a posibilidade de ascender ata 40 metros máis en globo aerostático para gozar dunhas vistas inéditas.

Aínda que as paisaxes desta contorna son impresionantes todo o ano, é nesta tempada cando o tempo acompaña para realizar este tipo de actividades, polo que foi incluída na súa oferta para as tres vindeiras fins de semana, reiterando así a aposta pola desestacionalización. “Para achegase ao ceo en globo desde a Estación de Montaña -partirá desde o campo de fútbol e ascenderá ao redor de 40 metros, sempre en función da meteoroloxía- só será necesario ter máis de tres anos e moitas ganas de gozar das vistas”, puntualizan dende a Estación. Os interesados xa poden reservar os pases na plataforma https://reservas.manzaneda.com/ ou preguntando directamente aos traballadores das instalacións.

O ascenso en globo aerostático é unha máis das actividades que oferta a Estación de Montaña Manzaneda, con plans de aventura para toda a familia, como pode ser o bike park para adultos e nenos, ou de relax, coa piscina e o spa. A tirolina xigante -250 metros de descenso a 10 metros do chan, 45 quilómetros de velocidade e descenso vertical á chegada-, o telecadeira turístico, ademais dos circuítos de orientación e marcha nórdica son outras das súas interesantes propostas.

Entre as súas últimas incorporacións de actividades de aventura está tamén o slackline –para manter o equilibrio sobre dúas cintas elásticas de tan só 5 centímetros que se suspenden entre as árbores- ou o Bike Park, Junior con carreiros de baixa dificultade para que os máis pequenos desenvolvan as súas habilidades ciclistas. Para que os visitantes poidan gozar da estación en función das súas preferencias, ofrécense diferentes pases, que poden consultarse na páxina web. Ata o 12 de setembro a estación de montaña permanecerá aberta con todas as súas instalacións e servizos operativos os 7 días da semana. E o resto do ano (desde setembro ata finais de xuño), durante todas as fins de semana.

Artigos relacionados

Back to top button