ConcellosManzanedaÚltima hora

Manzaneda convertirase na fin de semana no “referente da música popular galega”

A XIII edición do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas será o domingo 31 de xullo o cumio dunha programación que se completa, o sábado, coa celebración do V Serán da Seitura e a Noite Celta

Víctor Manuel Picos, Amable Fernández, César Fernández e Xosé Lois Foxo.

 

Manzaneda celebra este domingo, día 31 de xullo, a XIII edición do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas. Unha cita que completa unha fin de semana cunha intensa programación en Manzaneda, que acollerá o sábado, na praza da Igualdade da vila, o V Serán da Seitura e, unhas horas máis tarde na estación de montaña, a Noite Celta.

O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, participaba esta mañá na presentación destes eventos, que contan co apoio do goberno provincial, a Xunta de Galicia, o Concello de Manzaneda e a Estación de Montaña de Manzaneda, acompañado polo alcalde do municipio, Amable Fernández; polo director da Estación de Montaña de Manzaneda, Víctor Manuel Picos; e polo director da Escola e a Real Banda de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo.

César Fernández resaltou a importancia da cooperación institucional para organizar un “fin de semana moi singular, porque combina con gran acerto a nosa cultura tradicional coa fermosa paisaxe do entorno da Estación de Montaña de Manzaneda”. Por iso, “é moi recomendable gozar coa calidade dos participantes e da paisaxe”, sinalou o vicepresidente antes de invitar a todos a asistir a este fin de semana, “precisamente neste verán que retomamos os eventos multitudinarios”. Fernández destacou tamén o traballo de Xosé Lois Foxo á prol da cultura galega.

 

Gaiteiros nunha edición anterior do Certame Celtibérico de BB.GG./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Un recoñecemento ao que se sumou na súa intervención o alcalde de Manzaneda, que tamén agradeceu a participación das bandas e gaiteiros no certame. Amable Fernández invitou a todos á asistencia a un evento que, o domingo, contará cunha carpa para xantar e con postos de artesanía na explanada da estación de montaña. “Recuperamos o ambiente que tiñamos antes da pandemia”, sinalou o rexedor.

“É unha honra acoller esta fin de semana de citas culturais”, resaltou o director da Estación de Montaña, que avanzou todo o seu apoio para seguir potenciando o Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, o Serán da Seitura e a Noite Celta.

Pola súa banda, Xosé Lois Foxo remarcou a filosofía dun evento deseñado para a “promoción e a difusión da cultura galega”. O director da Escola Provincial de Gaitas explicou que con eventos como o Serán da Seitura “queremos recuperar aqueles vellos cánticos nas memorias das nosas xentes do século XIV, e representados na escultura da cantareira Ludivina Pérez”. Foxo tamén destacou a participación dos rapaces na Noite Celta -“unha festa de alegría”- e a presenza de bandas e gaiteiros de referencia dentro do Certame do domingo. “Manzaneda é un absoluto referente da música popular galega”.

 

Serán da Seitura o ano pasado en Manzaneda. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

O programa arrancará o sábado ás 18 horas na praza da Igualdade de Manzaneda, coa celebración do V Serán da Seitura, enmarcado na homenaxe ás cantoras Clotilde Salgado, Consuelo López e Aquilino de Bidueira. Nesta cita, presentada polos regueifeiros Lupe Blanco e Kike Estévez, actuarán a violinista María Rodríguez, os informantes do Cancioneiro da Seitura de Manzaneda e Terra de Trives, o grupo de acordeóns Airiños da Porta Falsa de Manzaneda, as Cantareiras da Real Banda, o Grupo A Pinguela de Manzaneda e a Real Xuvenil. E esa mesma noite celebrarase na estación de montaña de Manzaneda a Noite Celta, a partires das 23 horas.

O campo de competicións de Cabeza de Manzaneda acollerá o domingo, 31 de xullo, a fase final da XIII edición do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas. A competición arrancará ás 11:30 horas, dentro dunha programación e inclúe o campionato de bastón de mando, o campionato de gaiteiros solistas e os concurso das bandas. Nesta fase final, participan no 4º grao as bandas do Concello de Ríos, O Bolo e Baltar; no 3º grao as bandas do Concello de Vilariño de Conso, Devalar do Concello de Amoeiro, Os Trintas de Trives e Aires Mineros de Matarrosa del Sil; no 2º grao, Ladies Band e Municipal de Chantada; e no 1º grao, Castro Bergidum, Real Xuvenil e Agarimo de Catabois.

 

Artigos relacionados

Back to top button