En portadaÚltima hora

Manzaneda pon a punto as vías pecuarias de acceso aos seus curros tradicionais

Os accesos arranxados tamén forman parte do Roteiro dos Curros, que permite percorrer estas senlleiras manifestacións etnográficas

 

A serra de Manzaneda está sementada de curros. Ata alí seguen subindo cada verán os pastores a res na procura de pastos frescos. Trátase de antigas construcións tradicionais usadas dende tempo inmemorial protexer o gando durante a noite. Cada aldea tiña, cando menos un par de curros (un ou dous para a res e outro para as vacas). Hoxe este legado etnográfico continúa vivo, pastores como os de Palleirós, Langullo e Borruga seguen subindo cada verán aos curros.

O Concello de Manzaneda ocúpase cada ano do mantemento das vías pecuarias que dan acceso a estas construcións. E, de feito, este hai uns días remataban os traballos para poñelas a punto. “Todos os anos os arranxamos nós coa pala do Concello, pero este ano fixemos un convenio coa Deputación de Ourense, previa autorización do Servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, e veñen coa motoniveladora e queda mellor, tamén para as cunetas”, explica o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández.

En concreto os traballos realizáronse no accesos que vai ao Curro do Foxo, ao da Mosenda e máis noutro ramal que vai cara o Curro de Langullo. “Como son de terra movida, ao chover moito sempre se estragan algo e todos os anos se lles dá unha volta para que volvan quedar transitables”, matiza o rexedor de Manzaneda.

Ademais de servir de acceso aos curros, estas tamén por estas pistas transita parte do Roteiro dos Curros, que permite que os sendeiristas poidan achegarse camiñando ata estas senlleiras manifestacións etnográficas, as únicas da comunidade nas que se segue conservando esta tradición gandeira.

Fotos cedidas.

 

 

Curro da Mosenda (Manzaneda)./ Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button