
Mercar no comercio de proximidade é un xeito de poñer en valor ás empresas locais, de manter os postos de traballo que xeran, así como de dinamizar a economía dun municipio. Partindo desa idea os Concellos de Manzaneda, Chandrexa de Queixa, San Xoán de Río e A Teixeira veñen de lanzar de maneira conxunta nestas datas previas ao Nadal a campaña “Merca no teu concello”, unha iniciativa para sensibilizar “á nosa veciñanza da necesidade de mercar e consumir no noso comercio local”, explican.
Os alcaldes destes catro concellos consideran que “nun ano duro para todos, e especialmente para comercios, bares, restaurantes, tendas, etc; queremos que a xente comprenda o valor de cada un dos comercios que existen nos nosos municipios e o necesarios que son”.
Por iso, pretenden animar á veciñanza, a través desta campaña, “a mercar e consumir nos nosos concellos todos o que sexa posible e a botarlle unha man a todos estos traballadores que nos fan máis doado o día a día a todos os que vivimos no rural”. A cartelería desta campaña está colocada nos establecementos dos catro concellos promotores da mesma.