ConcellosCulturaCulturaEn portadaLazaManzanedaMúsicaÚltima horaVilariño de Conso

“Mar de Terra”, a persoal viaxe de Kepa Junkera ao Entroido galego, poderá verse online

O equipo do documental vén de anunciar que estará, de forma gratuíta, na web www.mardeterra.es e no instagram

Kepa Junkera tocando con membros de folións de Vilariño de Conso durante a rodaxe de “Mar de Terra”./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O músico vasco Kepa Junkera realizaba no 2018 unha viaxe moi persoal polo corazón do Entroido galego máis ancestral. Unha experiecia que se plasmaba no documental Mar de Terra, dirixido polo realizador ourensán José Antonio Blanco e do cuxo equipo tamén formaban parte Rubén Cao e Javier Torquati Díaz.

A modo de road movie este traballo, rodado entre febreiro e xuño, achega, dende a mirada de Junkera como se vive e se sente esta anterga celebración de inverno en lugares como Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Manzaneda, Xinzo, Laza ou Verín, na provincia de Ourense, así como en Salcedo (A Pobra do Brollón) e Santiago de Arriba (Chantada) na de Lugo.

O traballo estreábase no 2019 no acto de apertura do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF), e tras un percorrido tanto por España como por outros países como Portugal, o seu equipo dedicía, coincidindo coa chegada do tempo do Entrido neste 2021, ofrecer a súa visualización online e de forma gratuíta a partir do día 31 de xaneiro e durante todo o mes de febreiro. “Mar de Terra” estará dispoñible en www.mardeterra.es e en https://instagram.com/mardeterra?igshid=mfggtse534r3

Este xesto é un “agasallo ao todas as persoas do Entroido”, explica Javier Torquati. “Os compañeiros do documental decidimos este ano poñelo de forma libre online todo o mes de febreiro para que toda a xente do mundo do Entroido que non o teña visto ata agora poida desfrutalo. Dada a situación actual, non podemos facer máis polo Entroido”, engade.

 

Kepa Junkera durante a rodaxe do documental xunto a unha das Mázcaras de Manzaneda./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O documental conta cunha banda sonora única, con temas do disco “Galiza” de Kepa Junkera e un tema orixinal que o músico compuxo especificamente para este documental. Trátase dun traballo feito dende a amizade e que tivo como fío condutor a música, e no que Junkera se sente especialmente orgulloso e tamén agradecido “aos pobos de Laza, Xinzo de Limia, Viana do Bolo, Verín, Vilariño do Conso, Santiago de Arriba, Manzaneda, Salcedo e a todas as persoas que coa súa xenerosidade fixeron posible esta pequena viaxe chea de emosions difíciles de explicar, que se debe vivir”, tal e como declaraba na súa presentación ao Periódico O SIL.

 

Junkera con parte do equipo do documental, na súa estrea no OUFF./ Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button