CulturaCulturaEntroidoÚltima hora

“Mar de Terra”, o documental de Kepa Junkera sobre o Entroido, en DVD

O equipo ten previsto realizar acto de presenza durante a festa nos lugares onde se gravou este filme

Publicidade

 

O músico vasco Kepa Junkera mergullábase no 2018 nos Entroidos máis ancestrais das provincias de Ourense e de Lugo. Froito desa intensa experiencia persoal e cultural nacía “Mar de Terra”, un documental “moi persoal” dirixido polo realizador ourensán José Antonio Blanco e con música orixinal de Junkera.

Ese filme, que se estreaba no Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) do mesmo ano 2018 e que no Festival Interacional Curtas Via XIV de Verín, vén saír á rúa en formato DVD. “Mar de Terra” (de cuxo equipo tamén formaban parte Rubén Cao e Javier Torquati Díaz) amosa por exemplo como se viste un Boteiro de Viano do Bolo, un Peliqueiro de Laza ou unha Pantalla de Xinzo pero con “sinceridade 100%, coma se o protagonista llo contara a un amigo que vai de visita”, tal e como explicaba o propio Junkera na presentación deste traballo. Tamén pode verse como toca o bombo co fulión de Vilariño de Conso ou como interpreta a pandereita ou a trikititxa mentres danza unha das Mázcaras do Folión de Manzaneda xunto ao maxestoso Castiñeiro de Pombariños.

“Mar de Terra” fai referencia a esa “outra Galicia que ten unha forza incrible, ese mar que tamén chega ao interior”, dicía o músico vasco. Entre Mázcaras, Boteiros, Pantallas, Cigarróns ou Volantes, móvese Junker neste filme de aproximadamente unha hora de duración e cuxa rodaxe remataba en xuño en Vilariño de Conso e Manzaneda no 2018.

 

Imaxe cedida.

 

O documental, rodado con moito agarimo e sen guión, nacía da amizade e dos lazos que o unen con Galicia dende hai varias décadas, pero de xeito especial, dende a realización do seu disco “Galiza” no 2013. O ano pasado, no que o Entroido se interrompía por mor da pandemia, “Mar de Terra” ofrecíase de forma gratuíta online nas datas desta festa  cunha gran repercusión e gran número de visualizacións. E agora, tamén coincindo coa súa celebración sae á rúa o seu DVD. “Pensamos que era o momento máis adecuado para lanzalo e ademais facémolo como unha especie de homenaxe a Kepa Junkera”, explica o director do documental, Jose Antonio Blanco.

Así dende finais de xaneiro pode adquirirse a través da web mardeterra.es ou ben enviando unha mensaxe por privado no facebook do mesmo nome. “Está funcionando moi ben, estánnolo pedindo os centros ensino, tamén moita xente da provincia de Ourense e do País Vasco, mesmo tivemos unha solicitude dende Canadá”, engade o dirctor. Ademais, o equipo ten previsto realizar acto de presenza naqueles Entroidos nos que gravou o documental.

Son xa catro anos os transcorridos dende a realización deste proxecto e Blanco sinala que “en certo modo sentímonos un pouco precursores, ese mesmo ano tamén se fixo outro documental sobre o Entroido, pero centrado só no de Laza, e recentemente tamén en Xinzo xurdiu un proxecto dunha miniserie sobre o Entroido, é un tema que interesa moito”.

Así con este DVD convídase a facer, da man de Kepa Junkera, unha viaxe polo interior dunha das tradicións máis senlleiras da Galicia interior, agora que a festa se vai achegando aos seus días grandes.

Fotos da galería: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button