Dun xeito moi especial celebrarase o Día Internacional do Libro na Biblioteca da Rúa o vindeiro 23 de abril. Dous serán os seus referentes principais: a lectura e as actividades lúdicas relacionadas con ela, xunto cunha obra de referencia na literatura universal: o “Quixote” de Cervantes.
Así “todos aqueles que len e lles gusta ler” están convidados, tal e como indican dende a Biblioteca Municipal da Rúa, a un maratón de lectura do “Quixote” de 16:30h. a 20:30h. Tamén se recomenda chamar para acordar o tempo de lectura.
Ademais para os máis pequenos están previstas unha serie de propostas lúdicas de animación á lectura, tamén arredor do Quixote: a lectura desta obra adaptada aos nenos (ata os 10 anos), os xogos “Adiviña Adiviñanza que ten Sancho na panza (Adiviña de quen falamos)” para nenos de 6 a 10 anos, “Memoria” (xogo no que descubrir parellas cos personaxes do Quixote para rapaces de 6 a 8 anos), refráns para completar deste libro (10 a 12 anos), “Que sabemos” desta obra (colocandos a palabra que falta, para nenos de 10 a 12 anos e, finalmente, colorear e debuxar personaxes deste volume (ata 8 anos).
As persoas que se acheguen pola biblioteca ruesa o 23 de abril recibirán como agasallo un marcador e poderán facerse fotos no “Photocall do Quixote e Sancho”, instalado na sala.
Foto cedida pola Biblioteca Municipal da Rúa.