PolíticaÚltima hora

María Albert (BNG) pide no Parlamento galego cambiar o sistema de faixas de protección contra os lumes

María Albert, deputada no BNG no Parlamento galego./ Cedida.

 

Nunha intervención na Comisión de Agricultura do Parlamento galego, a deputada ruesa do BNG, María Albert referíase á “ineficacia do sistema de faixas de protección establecido pola Xunta para protexer os núcleos rurais fronte aos incendios” e sitúa a raíz do problema “na necesidade de lle dar utilidade a esas faixas de protección con usos e labores que eviten a acumulación de combustible”.

A deputada nacionalista apuntaba que o procedemento actual “non funciona porque dilata os tempos ata facelos inútiles, supón desperdiciar recursos públicos de xeito continuado e Seaga vese desbordada por non facer unha previsión de traballo a tempo. Hai rozas xa pagadas de anos anteriores sen executar aínda, iníciase un novo convenio sen executar subsidiariamente,…”, enumeraba, logo de considerar “inasumíbel que a primeiros de agosto a xestión das faixas secundarias non chegaba ao 20%”.

Neste sentido, recordaba que “o propio conselleiro de Medio Rural recoñeceu que a esas alturas do verán había 65.000 propietarios sen notificar”, ao que a deputada nacionalista engadiu que “hai concellos onde propietarios adheridos ao convenio xa fixeran dous pagos e tiñan o traballo sen facer por parte de Seaga”. María Albert tamén lle pedía á Consellería que deixe de “vivir da propaganda e baixe á realidade, a realidade na que a primeiros de agosto se estaban licitando traballos de rozas en concellos de alto risco, como o da Gudiña, e en case toda a provincia de Ourense. E que a día de hoxe temos contratos desertos e outros licitados sen asinar”.

Albert consideraba necesarios outros prazos para que as medidas sexan efectivas antes do período de alto risco “porque os concellos non teñen medios para abordar a cuestión, porque hai faixas de protección con pirófitas como a acacia negra sen retirar por preguiza e, sobre todo, porque esta medida ten que ser temporal, mentres non se lle dá utilidade a ese abandono ou uso perigoso das fincas situadas en faixas de protección”.

Para a portavoz de Montes do BNG, a prevención e a protección das vidas dos cidadáns dos núcleos do medio rural “non se fai con propaganda, senón con medidas efectivas que devolvan os núcleos rurais e unha seguranza na actividade agrogandeira, perdida por políticas suicidas que sumiron gran parte do noso territorio na infrautilización e no abandono”.

Artigos relacionados

Back to top button