PolíticaÚltima hora

María Albert (BNG) pide no Parlamento galego que as axudas para previr lumes nos montes comunais se resolvan antes do período de alto risco

A deputada valdeorresa interviña hoxe na Comisión de Agricultura. Ademais o 20 de outubro facía a súa primeira intervención no pleno da Cámara galega

A deputada ruesa María Albert, no pleno do Parlamento galego o 20 de outubro.

 

A parlamentaria ruesa do BNG no Parlamento galego, María Albert, pedía hoxe na Comisión de Agricultura da Cámara que a Xunta resolva as axudas destinadas á prevención dos lumes forestais en montes veciñais en man común e sociedades de fomento forestal “en tempo para que o cumprimento dos prazos permita que a prevención estea feita antes do período de alto risco e non como está acontecendo na actualidade, onde as axudas se están concedendo cando as vagas de incendios xa pasaron e as medidas de prevención xa non teñen efectividade”.

Ademais Albert incidía en que as axudas “chegan cando o lume xa pasou, polo que os fondos públicos son investidos inultimente e sen posibilidade de cumpriren a fin para a que foron orzamentados”. Dixo tamén que, tendo en conta os prazos, “ben se pode concluír que este ano non houbo medidas de prevención acometidas polas comunidades de montes con financiamento da Xunta”, polo que reclamou que as axudas “ou se publiquen antes ou se acurten os prazos de resolución”.

Así mesmo, na iniciativa do BNG presentada na Comisión, que foi desestimada ao non apoiala o PP, tamén pedía que se contemple a posibilidade de que os traballos “poidan ser realizados polas propias comunidades de montes veciñais en caso de que estas dispoñan de maquinaria e persoal propio, o que suporía un xeito de incentivar o emprego local e engadir un plus de beneficio social a esta figura singular”.

Primeira intervención no pleno, o 20 de outubro

Tamén nesta semana a deputada valdeorresa do BNG facía a súa primeira intervención no pleno do Parlamento galego. Interviña na mañá do 20 de outubro no debate dunha moción, presentada polo grupo socialista, tamén relativa ás actuacións que debe levar a cabo o goberno galego en relación cos incendios forestais.

Albert manifestaba o apoio do BNG á dita iniciativa e resaltaba que “un rural vivo non arde, un monte vivo non arde. E, polo tanto, mentres non asuman medidas que rematen co abandono e despoboamento do rural e fagan unha aposta clara por políticas que permitan unha vida digna nel, este esmorecerá e arderá ano tras ano”.

Artigos relacionados

Back to top button