PolíticaÚltima hora

María Albert: “O BNG levou a iniciativa nesta campaña electoral na Rúa”

A candidatura nacionalista na Rúa facía balance desta campaña para as municipais, que rematará mañá
A cabeza de lista do BNG na Rúa, María Albert, xunto a dous membros da candidatura, Roberto Quiroga e Avelino Fernández, na rolda de prensa.

A falta de apenas un día para o remate da campaña electoral das municipais, a candidatura do BNG da Rúa convocaba á prensa para facer balance e unha posta en común do traballo realizado. “Pensamos que o BNG levou a iniciativa desta campaña na Rúa, facendo propostas programáticas en diferentes ámbitos e sectores produtivos e incidindo nas potencialidades de futuro deste concello como son, entre outras, o turismo e o viño. Houbo quen foi á cola diso foi contestando a esas propostas, mentres que outros nin sequera fixeron iso”, comentaba a candidata á alcaldía nacionalista, María Albert.

Dende o BNG tamén se lamentou que non houbese un debate entre os diferentes candidatos, “que tería permitido confrontar as diferentes ideas e propostas”. E xa na recta final da campaña, María Albert considera que hai dous escenarios posibles: unha opción de esquerdas liderada polo BNG e outra de dereitas liderada polo PP.

 

María Albert, durante a súa intervención.

 

Dende a candidatura nacionalistas destácanse as “boas sensacións percibidas durante a campaña e pensamos que podemos subir. Cremos que fixemos un bo traballo nestes catro últimos anos e que a xente sabe recoñecer ese labor”.

O BNG porá fin a campaña electoral o venres 24 de maio pola tarde cunha pequena pinchada no seu local para as persoas que colaboraron nestes días co proxecto e que tamén está aberta á cidadanía.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button