PolíticaÚltima horaVídeos

María Albert: “Teño a honra de encabezar a candidatura que representa a alternativa de futuro e ilusión que A Rúa necesita e merece”

A nacionalista presentou hoxe a súa candidatura á alcaldía ruesa apoiada pola portavoz nacional Ana Pontón

 

“Por todo o que está por vir, adiante coa Rúa e adiante co BNG”. Con esta optimista e animada mensaxe remataba María Albert a súa intervención no acto celebrado na tarde deste xoves 15 de decembro na Biblioteca Municipal da Rúa, para presentar a súa candidatura á alcaldía.

Un acto que contaba coa presenza de compañeiros do Bloque Nacionalista Galego de toda a comarca así como da portavoz nacional, Ana Pontón, e que era presentado por Avelino Fernández Seco, concelleiro xunto a Albert no Concello da Rúa.

 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

 

Diante dos simpatizantes e visiblemente nervioso “pois son un home de acción máis que de palabras”, Avelino non escatimou en eloxios para a candidata, asegurando que é unha muller “aberta, sociable e todo un exemplo de traballo e sacrificio”, sempre disposta a botar unha man e sempre “coa xente, cos de abaixo”. Sobre a actual situación municipal, Avelino asegurou que “prepotencia (resultado de sumar arrogancia e sobervia) é a palabra que mellor define ao goberno popular”, destacando que se “A Rúa quere recupera a canle de unión entre a a veciñanza e a alcaldía, a única opción é María”.

De seguido tomaba a palabra Ana Pontón, asegurando xa de entrada que a candidata á alcaldía, María Albert, será a próxima alcaldesa tras as eleccións de maio de 2023 porque “é a persoa capaz de reconducir o concello á senda do progreso e do avance, desde a eficacia na xestión, a transparencia e desde o diálogo coa veciñanza”. A xente da Rúa “quere que o seu concello funcione, que sexa útil, que resolva problemas en lugar de crealos, que preste servizos con eficacia, quere un concello de portas abertas. E todo iso é o que representa María Albert, que volverá ser unha alcaldesa ao servizo da veciñanza, que escoita, que axuda, que resolve”, afondou Pontón.

 

A candidata nacionalista á alcaldía da Rúa, María Albert.

 

Para a portavoz nacionalista, a candidata do Bloque será capaz de deixar atrás “catro anos perdidos de confrontación e ineficacia, catro anos de retroceso e abrir un tempo novo de futuro, de ilusión e de esperanza, a favor da veciñanza”, alegou. Na súa intervención, destacou que A Rúa é un concello con moito potencial “que quere avanzar, recuperar os servizos públicos perdidos e calidade de vida, recuperar dinamismo económico e social”. E para iso “é imprescindible unha alcaldesa con propostas e ideas claras, que ten proxecto político para poñer o concello a funcionar de novo, unha María Albert que coñece A Rúa como a palma da man e que quere a este concello”, subliñou.

 

Un momento da intervención de María Albert.

 

Con María Albert de alcaldesa, argumentou a portavoz nacional do Bloque, A Rúa volverá ter un Goberno local “coas portas abertas á xente, transparente, a disposición dos veciños e das veciñas, porque hai que reabrir o concello á cidadanía e estou segura que ese será o primeiro paso da futura alcaldesa”. Pontón comprometeu que o Goberno local liderado polo BNG “significará ter unha rexedora que defenda servizos públicos de calidade, empezando pola sanidade; unha líder que impulsará os proxectos básicos para o municipio. Por exemplo, no ámbito da recuperación urbanística, do abastecemento da auga, do funcionamento das instalacións municipais ou as comunicacións e a mobilidade, tanto por tren como por estrada”. Igualmente, A Rúa terá “unha alcaldesa que defende a economía local, o comercio de proximidade e que fomentará o asociacionismo, a cultura e o deporte; unha alcaldesa que defenderá os intereses dos veciños e das veciñas como xa está facendo agora desde o Parlamento, loitando contra o abandono da Xunta. “En definitiva, María Albert é a alcaldesa que A Rúa necesita para abrir un tempo novo, para volver ter un concello que funcione, que resolva os problemas da veciñanza e que estea ao servizo da xente”, concluíu.

 

 

Pola súa parte, a candidata a Alcaldía, na súa visiblemente emocionada por todo o vivido neste últimos tres anos e medio, fixo referencia ao custe social da pandemia e ao contexto de crise de prezos que está deixando na “precariedade absoluta a moita veciñanza”, asegurando que para ela, no persoal, “as próximas eleccións van ser moi diferentes das últimas”, dixo tras salientar que a Covid “deixounos sen moitas persoas queridas”.

Albert lamentou o “ambiente case irrespirable de enfrontamento, medo e persecución de toda aquela persoa que se atreva a alzar a voz”, e denunciou que “mentres se eliminan traballadores públicos no concello en servizos básicos como a brigada de obras, biblioteca, ou limpeza, o PP contrata de xeito discrecional poñendo o beneficio privado por riba do público”. Tamén criticou a falta de transparencia e de diálogo coa veciñanza por parte dun executivo local “ineficaz na xestión e controlado pola Deputación que mesmo vulnera a legalidade con festas de verán que se fan sen contrato, adxudicacións a dedo ou o desastre das piscinas municipais este verán”, citou a modo de exemplo.

 

 

Pero entre o peor destes catro anos, Albert citou o empeño do Goberno do PP en “dar as costas á cidadanía”, á que felicitou pola súa perseveracia na defensa dos servizos públicos, en particular en sanidade, reclamando un centro de saúde. Pero a esperada infraestrutura segue pendente mentres no ambulatorio falta persoal, ao que se suma un deterioro continúo das comunicacións, mesmo co peche da estación de tren, e un peche continuo de negocios.

Con todo “hai alternativa a esta desfeita”, asegurou Albert, “unha alternativa que pasa por un goberno do BNG capaz de abrir un tempo novo para sacar A Rúa deste letargo e conseguir que avance, e eu teño a honra de encabezar a candidatura que representa esa alternativa de futuro e de ilusión que este concello necesita e merece”, destacou, avanzando que o Bloque presentará a mellor candidatura, “solvente, representativa dos distintos barrios, interxeracional e co obxectivo de acadar unha nova Rúa”.

 

 

“Sabemos que hoxe todo cambiou na nosa socidade, pero temos a certeza de que, desde a humildade, con ilusión, con capacidade, con proxecto e con xenerosidade seremos capaces de virar o barco á deriva no que se ten convertido este concello, para colocalo de novo na boa dirección, na dirección do dinamismo económico e social, man a man coa veciñanza”, concluíu a candidata do BNG á Alcaldía da Rúa.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button