Partía como un dos claros favoritos para subir ao alto do podio e non defraudou. Coas lesións que impedían ao ourensán Alejandro Fernández (vencedor das últimas edicións) loitar pola vitoria (aínda que si corría e entraba nun meritorio noveno posto), era Nuno Filipe Costa quen tiña todas as papeletas para proclamarse campión da 45ª edición da Carreira Popular Pedestre do San Martiño, e así era.

O atleta da SD Compostela Atletismo dominaba de principio a fin a carreira abosluta de 10 km que na mañá deste domingo 20 de novembro volvía encher de atletas a cidade de Ourense, entrando en meta ás 11:30 horas, só media hora despois de tomar a saída xunto a outros 4.700 corredores chegados dende diferentes partes de Galicia, proclamándose vencedor cun tempo de 00:30:19. A poucos segundos (00:30:32) entraba o segundo clasificado, Jorge Puig Malvar (Club Atletismo Santiago), e xusto detrás a un segundo de diferencia, o terceiro, Esteban Iglesia Vila da Pastoriza.

No que respecta á categoría feminina, tampouco había sorpresas sendo a primeira en cruzar a meta Joselyn Brea Abreu (Ada Calviá de Pontevedra) cun tempo de 00:33:25 seguida por Alice Finot de Ponteareas (00:34:19), sendo terceira a atleta do Adas Cupa O Barco María Cedrón cun tempo de 00:36:25.

Trala carreira absoluta de 10 quilómetros, saía a escolar de 5. Despois tocáballe o turno á infantil e por último á inclusiva, cun total de 8.605 incritos entre as catro carreiras que se recuparaban este ano trala pandemia. Entre os corredores da proba escolar había membros da Escola de Atletismo Rúa.
Fotos: Mónica G. Bellver/ Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Bellver.
Máis información e fotos no seguinte enlace: https://osil.info/case-5-000-corredores-converten-a-cidade-de-ourense-nunha-autentica-festa-do-atletismo/