PolíticaÚltima hora

María G. Albert: “Tentarei facer o posible para que os problemas de Valdeorras se escoiten no Parlamento galego”

A deputada electa do BNG afirmaba que hai tres cuestións a enfrontar de forma urxente: a extinción de lumes, a área sanitaria e o sector vitivinícola

O BNG de Valdeorras convocaba nesta mañá de 17 de xullo unha rolda de prensa para agradecer o apoio e os resultados acadados nas últimas eleccións do 12X e para adiantar as reivindicacións urxentes que ían trasladar ao Parlamento de Galicia.

O responsable comarcal da formación, Roberto Quiroga, quixo agradecer o apoio a votantes, afiliados, simpatizantes e ás persoas que trasladaron as súas reivindicacións. Ademais, puxo en valor o traballo da deputada ourensá Noa Presas “por vir e reivindicar, como se fora unha valdeorresa máis”.

Agradecéndolle a María González Albert o seu traballo e a súa responsabilidade, dáballe a palabra á parlamentaria electa. “Que sexa unha representante valdeorresa vaise notar. Tentarei facer todo o posible para que os problemas de Valdeorras se escoiten no Parlamento”, afirmaba.

 

Durante a rolda de prensa./ Foto: Alba Prada.

 

Albert adiantaba que o primeiro que levará ao Hórreo serán tres cuestións a enfrontar de forma urxente: a extinción de lumes, a área sanitaria e o sector vitivinícola. A primeira das reivindicacións “é o Pladiga, o tema da extinción de lumes que todos os anos supón unha problemática grandísima para a nosa comarca. Levamos cinco anos reclamando a motobomba da Rúa”. Tamén recordou a falla de helicóptero na base de Vilanova (O Barco) “levamos 15 días a temperaturas de máis de 35 graos e estamos sen helicóptero”.

Outra cuestión que defendeu foi a da desaparecida área sanitaria de Valdeorras, “ao PP non lle vai tremer o pulso para seguir recortando servizos no Hospital Público de Valdeorras”. Ademais quixo destacar a problemática do Centro de Saúde da Rúa “imos estar vixiantes para que se faga en base á planificación que estaba realizada, onde nin o Concello nin a administración teñan que asumir ningún custo”.

Así, a terceira das cuestións é o sector vitivinícola, polo cal María Albert defendía que había que poñerlle solución á saída do viño para que a colleita deste ano puidera entrar. “Aínda que é unha responsabilidade europea, a Xunta ten que implicarse”, recalcaba.

O lume en Pardollán (Rubiá)

Trala rolda de prensa, o BNG emitía un comunicado en relación co incendio de Pardollán (Rubiá), o cal leva en poucas horas 35 hectáreas queimadas. Nel recordaban a previa reivindicación do helicóptero para a base aérea de Vilanova, “malia a mobilización de medios aéreos e terrestres, o BNG lembra unha vez máis que o tempo necesario de arranque e desprazamento que precisa o helicóptero de San Xoán de Río (30 minutos), o de León (50 minutos) e o de Monforte (25 minutos) son de extrema importancia cando se detecta o incendio. Desde a base de Vilanova de Valdeorras eses minutos descenderían até 12”.

A deputada electa, María G Albert, defendía “a necesidade que ten esta comarca de ter un helicóptero na base de Vilanova, un problema que xa non é actual nunha comarca con altísimos índices de perigosidade, e nun distrito, o XIII, que tempada após tempada padece constantes recortes de recursos que, como todos os anos, lamentaremos”.

 

Artigos relacionados

Back to top button