
Logo de ter percorrido máis de 150 concellos de toda Galicia, Castela e León e Portugal en formato Cine na Rúa e Autocine, dende a súa estrea en xuño de 2020, María Solinha, o último filme do director petinés Ignacio Vilar, chega este xoves 19 de agosto á Rúa, ao aire libre e coas mellores condicións técnicas para unha experiencia de cine.
A proxección será no campo de San Roque, na Rúa Vella, a partir das 21:45 horas e contarase coa presenza do director para a presentación e coloquio cos asistentes despois do pase. O aforo será limitado e o acceso gratuíto.
A longametraxe, protagonizada por Santi Prego, Antonio Durán “Morris” e Mabel Rivera e producida por Vía Láctea Filmes e a Televisión de Galicia, narra a reconstrución da historia de María Solinha, unha muller acusada de bruxería e queimada pola Santa Inquisición no ano 1621.
A proxección ao aire libre forma parte do programa das Festas de San Roque 2021 organizadas pola Asociación Sabugueiro, e conta coa colaboración do Concello da Rúa e da Deputación de Ourense. Malia que a idea, sempre que a situación sanitaria o permitira, era recuperar certas actividades como a Volta Ecolóxica ou o Zumba Street, a asociación vén de informar a través das redes sociais, que finalmente estas dúas citas, así como o día dos nenos, non se celebrarán.