EconomíaEconomíaÚltima hora

María Varela imparte a segunda master class do proxecto Aula Gastronómica Galicia Calidade

Ao redor de 25 estudantes do ciclo superior de Dirección de Cociña asistiron á esta sesión impartida pola propietaria de A Parada das Bestas, en Palas de Rei

 

A restauradora galega e copropietaria da casa de turismo rural ‘A Parada das Bestas’, María Varela, foi a encargada de impartir a segunda master class dentro do proxecto Aula Gastronómica Galicia Calidade, que pretende achegar os produtos e empresas avaladas pola marca galega aos alumnos e alumnas dos centros de hostalería de Galicia. Nesta ocasión, a cociñeira lucense amosou a súa mestría ante os estudantes do ciclo superior de Dirección de Cociña do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra.

Precisamente, foi o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, o que presentou á cociñeira galega, que tamén conta co distintivo galego no seu establecemento, situado en Palas de Rei (Lugo). Durante a súa intervención, Alfonso Cabaleiro agradeceu a boa receptividade do centro á Aula Gastronómica e amosouse convencido de que esta experiencia contribuirá a dar a coñecer as características dos produtos e marcas entre os futuros cociñeiros e cociñeiras de Galicia. “Estou seguro de que esta experiencia contribuirá a que nos coñezan mellor e tamén a que saquen o maior partido posible aos nosos produtos e marcas”, afirmou.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, convidou aos estudantes a aproveitar esta experiencia para incrementar os seus coñecementos e garantiulles o compromiso da Xunta de Galicia coa Formación Profesional “tanto nas modernizadas ensinanzas regradas, que nos están a converte nunha referenza neste eido en toda España, como a través de iniciativas novidosas e complementarias, como esta proposta de Galicia Calidade, que elevan o nivel do alumnado”.

No decurso dunha master class dirixida a uns 25 alumnos e alumnas do CIFP Carlos Oroza, María Varela propuxo un menú variado composto por pratos como carpaccio de gambón e pataca palla; tigre rabioso con culler; pescada de Celeiro, verduras asadas e limón; capón de curral en escabeche escuro de figueira e mazá e tarta de queixo do Cebreiro e ricos.

As empresas participantes nesta segunda Aula Gastronómica Galicia Calidade foron Patacas Conde, Luís Escurís Batalla, Feiraco, Torre de Núñez, Ingapán, Larsa, Coren, Customdrinks, Kiwi Atlántico, Porto Celeiro, Tahona de Melide, Queixería Santo André e Granja Campomayor.

A Aula Gastronómica Galicia Calidade continuará o vindeiro xoves, 22 de abril, no CIFP Manuel Antonio de Vigo da man do restaurador Iñaki Bretal. A seguinte cita será no IES de Foz, en xuño, con Yayo Daporta.

Traxectoria profesional

María Varela estudou o ciclo superior de Dirección de Cociña no IES Sanxillao de lugo e posteriormente cursou un master de Cociña ao Vacío na Escola de Cociña Tony Botella, en Barcelona. Ademais, formouse en novas tecnoloxías de vacío e convección en Casa Solla, en Pontevedra.

Na actualidade, é copropietaria e directora da casa de turismo rural ‘A Parada das Bestas’, en Palas de Rei, onde se ocupa directamente do seu restaurante. Este establecemento conxuga unha oferta integral de aloxamento, gastronomía e actividades de ocio e lecer a realizar nas 4 hectáreas que rodean a casa de labranza do século XVIII na que se ubica o establecemento.

Desde alí, María Varela realiza unha constante aposta pola sinerxía entre os alimentos de calidade e a tradición, buscando valor engadido e trazabilidade nos produtos e optando pola autoprodución e o emprego de materias primas de proximidade, naturais e sostibles.

Ao longo da súa andaina profesional, María Varela tamén ten colaborado co festival Spanish Stravaganza, como embaixadora da cociña española en Corea, Singapur, India e Suíza. Ademais, ten participado en salóns gastronómicos nacionais como Madrid Fusión, Alimentaria ou Gourmets e en congresos e encontros coma o IX Congreso Camiño de Santiago ou o Forum Gastronómico Santiago 2010.

María Varela forma parte do Grupo Nove e recibiu o premio Alimentos de España á Restauración en 2013 e o de Excelencia á Innovación para mulleres rurais en 2012.

 

Artigos relacionados

Back to top button