EconomíaEconomíaÚltima hora

Maridaxe de viños con poemas de Florencio Delgado Gurriarán, da man da Ruta do Viño de Valdeorras

O evento, organizado en colaboración co proxecto As Letras de Florencio celebrábase na maña deste sábado 9 de abril

 

“Ás retortas cepeiras, barroco motivo da verde sinfonía do meu val: Ao viño de Valdeorras, que é o millor do mundo”. Así arranca Florencio o seu primeiro poemario, Bebedeira, publicado en 1934, e no que o mundo do viño ten moita presencia, ao igual que no resto da súa obra. Por iso é ben acaída a actividade que se celebraba no mediodía deste sábado 9 de abril na terraza do Complexo Hoteleiro Paladium, co val de Valdeorras de fondo.

Nese privilexiado enclave e man da Ruta do Viño de Valdeorras en colaboración co proxecto As Letras de Florencio, tiña lugar unha cata maridaxe titulada ‘Cando o viño foi a súa musa’ na que os viños de Valdeorras  e a poesía uníronse para render o seu particular homenaxe ao poeta Florencio Delgado Gurriarán.

 

A sumiller Mercedes González Gallego.

 

O acto, ao  que asistía unha vintena de persoas, entre elas o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez e o concelleiro de Turismo do Barco, Eladio Santos, comezaba coa presentación por parte do presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez, quen daba a benvida aos asistentes cedendo a palabra ao presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado. Este fixo un repaso polo proceso, iniciado hai corenta anos polo Instituto de Estudos Valdeorreses, que levou a conseguir o Día das Letras Galegas para Florencio neste 2022, lembrando un fito histórico cando “se reuniron en Córgomo todos os alcaldes da comarca e mesmo o presidente da Deputación, un verdadeiro milagre”, dixo Blanco Trincado destacando o feito de que “xuntos conseguimos o que non se conseguira de forma individual”.

Trala disertación de Aurelio comezaba a cata dirixida pola sumiller Mercedes González Gallego que comentou seis viños acompañada de Diana Rodríguez Ramos, técnica da Oficina de Dinamización Turística e Produtos Tradicionais do Barco que recitou outros tantos versos de Florencio. Comezaron co poema Bebedeira e un Brinde Espumoso de Godello da Adega Roandi e despois seguiron con Córgomo de Valdeorras e un Viñaredo Godello da Adega Santa Marta. Diana seguía recitando, Mercedes comentando e os asistentes catando: In vino Veritas e Quinta da Peza Godello da Adega Quinta da Peza; Louvores da Godello de Adega Pago de los Capellanes; Casoiro e Mil Ríos Mencía de Adega Terriña; e Cantiga da vendima e A Coronela Garnacha Tintorera da Adega Cepado.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button