
Na mañá deste martes 1 de decembro, o presidente da Deputación de Ourense Manuel Baltar, entregaba o XXXIX Premio Blanco Amor de novela -simbolizado nunha escultura de Acisclo Manzano- á escritora Marilar Aleixandre pola obra As malas mulleres. O acto tiña lugar na praza do Bispo Cesáreo, ao carón da estatua que lembra a figura do escritor ourensán, nunha versión inédita da entrega deste galardón debido ás restricións impostas pola pandemia.
A novela gañadora retrata o tramo final do século XIX, a través dunha historia conducida polas personaxes centrais do relato, Juana de Vega e Concepción Arenal, na que segundo reflicte a acta do fallo “recoñece e destaca, literariamente, o traballo das chamadas visitadoras de cárceres e as súas ideas progresistas e pioneiras”. Un traballo elixido pola maioría dos membros do xurado no que a autora “incorpora con habelencia elementos poéticos que reforzan unha trama ben estruturada e compensada que enriquece o relato”.

Pola súa banda, a gañadora definiu As malas mulleres como “un exercicio de memoria e un exercicio contra a desmemoria, que é como ocultar ás persoas. Así contou que a protagonista da novela é unha rapaza de quince anos que está no cárcere de mulleres da Coruña, A Galera. Das 300 mulleres que alí había “só coñecemos o nome dunha delas, Pepa Loba, que comparte a traxedia coa protagonista imaxinaria da novela, baseada nunha historia real, presa por unha acción na que aínda hoxe en moitos países as mulleres son perseguidas e encarceradas”.
o presidente de xurado e director da Fundación “Blanco Amor”, Luis González Tosar, lembrou na súa intervención a figura de Blanco Amor e dun premio “que afianzou un xénero literario que daquela aínda eramos deficitarios, e que o escritor honrou sobradamente tanto en galego como en castelán”. Ademais, anunciou que nos primeiros días de 2021 publicarase o primeiro volume da serie “Eduardo Blanco Amor, fotógrafo”, no que se recolle unha monografía realizada por Enrique Acuña que abrangue a viaxe que en 1935 EBA realizou ao norte de Marrocos, xunto a unha compilación dos artigos publicados en El Correo Galego, nos que reflectía a realidade dos lugares que visitou.
O acto, no que estiveron presentes persoeiros do ámbito social, cultural e institucional, incluíu no apartado musical a actuación da violonchelista ourensá Susana Blanco, quen interpretou os temas Axéitame a polainiña e Unha noite na eira do trigo, rematando a celebración cunha ofrenda floral diante da estatua de Blanco Amor.