
Impulsar a actividade física, como elemento clave na promoción da saúde, e as relacións entre as persoas de diferentes grupos de idade. Son os principais obxectivos da III Xornada Internacional en Viana do Bolo, que está prevista para o vindeiro venres 21 de xuño, promovida dende o Centro Sociocomunitario desta localidade en colaboración co Concello e coa Cruz Vermella Conso-Frieiras.
A actividade consistirá nunha masterclass de aeróbic, “onde poderán participar xentes de todas as idades, sen inscrición previa. A clase será impartida por Braian Macía Diéguez, da empresa de animación, deporte e tempo libre D´Lecer”, din dende a organización. E, “para facer máis atractiva a nosa xornada, este ano volve a contar con entretemento para os máis cativos co aluguer dun inchable a cargo do Concello de Viana”, engaden.
A novidade desta terceira edición será un mercado coa participación de case unha ducia de artesáns que traballan o coiro, a prata, metal, estaño, orfebrería, téxtil… E tampouco faltarán postos de doces típicos. Os artesáns interesados en participar poderán facelo poñéndose en contacto co Centro Sociocomunitario de Viana do Bolo.
O programa desta xornada comezará ás 19:30h. na praza Maior da vila coa apertura do mercado, unha hora despois será a masterclass de aeróbic e, ao mesmo tempo, de 19:30h. a 21:30h. os máis pequenos poderán divertirse no inchable. O peche da xornada está previsto para as 22h.
“Será unha actividade lúdica e participativa, de ocio saudable ao aire libre, totalmente gratuíta, aberta a todas as persoas que queiran participar”, din dende a organización.