CulturaCulturaEducaciónSen categorizar

Mato enceta o seu segundo mandato como reitor da Universidade de Vigo

Tomaba posesión nun acto celebrado o 29 de abril en Vigo coa presenza do titular do goberno galego
Salustiano Mato, tras tomar posesión como reitor.
Salustiano Mato, tras tomar posesión como reitor.
Un dos momentos do acto.
Un dos momentos do acto.

Adiantando os retos para o seu novo mandato e facendo balance da xestión anterior. Así encetaba o 29 de abril Salustiano Mato o seu discurso de toma de posesión de reitor da Universidade de Vigo, unha institución, dixo, que “ten un magnífico presente e un futuro prometedor, froito do traballo de moitas persoas a longo do seus 24 anos de historia”. Facíao tras recibir de mans do presidente da Xunta, Alberto Núñez Fejóo, a medalla de reitor e o bastón de mando.

Así, entre os retos que acometerá nos próximos catro anos xunto ao seu novo equipo de goberno destacou o de que a Universidade de Vigo sexa “epicentro dunha economía baseada no coñecemento, onde o capital está supeditado ás persoas”. Ademais de ser unha institución que actúe como dinamizadora da sociedade na que se insire, que cree máis emprego directo e indirecto, que facilite a internacionalización das empresas, o reitor salientou que a Universidade debe seguir a optimizar recursos, mellorar os procedementos de xestión e redefinir a estrutura organizativo e mellorar a comunicación interna.

Incidiu asemade en que “debemos progresar no recoñecemento da docencia, que xunto a avaliación da calidade permitan definir unha oferta educativa de excelencia”, dixo o reitor que tamén se comprometeu a garantir que a organización académica contribúa decisivamente á formación integral dos estudantes, “a razón de ser da universidade”.

No que refire ao compromiso adquirido xa no anterior mandato en relación coa especialización dos campus e que e traduce no Vigo Tecnolóxico, o Campus da Auga de Ourense e o Campus Crea de Pontevedra, Mato avanzou a posta en marcha de tres clústers centrados no medio ambiente e a enerxía sostible, na investigación económica e xurídica e na lingua.

No acto tamén tomaba a palabra o presidente da Xunta, quen avogaba por seguir traballando por unha universidade accesible coa vontade de volver conxelar as taxas universitarias no curso 2014-2015, “volvendo así, un curso máis, a ser as universidades máis accesibles do Estado”. “Seguir traballando por unha universidade accesible, como o proba –indicou- o mantemento das taxas universitarias como as máis baixas de España ou o aumento do número de bolsas de axuda para paliar, na medida do posible, os efectos da crise nas familias”.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button