CulturaCulturaÚltima hora

Un equipo internacional codirixido desde o Campus de Ourense identifica os restos de “Homo erectus” máis antigos, que modifican a cronoloxía da evolución humana

A investigación, realizada a partir duns restos do xacemento etíope de Melka Kunture, foi publicada este xoves na revista Science no artigo "Early Homo erectus lived at high altitudes and produced both Oldowan and Acheulean tools"

Fragmento mandibular de ‘Garba’, o exemplar máis antigo da especie ‘Homo erectus’ . / Fonte: Duvi.

 

Un equipo internacional multidisciplinar liderado por Eduardo Méndez Quintas (profesor do Campus de Ourense, da Universidade de Vigo) e Margherita Mussi (Universidade La Sapienza de Roma) vén de presentar os restos máis antigos coñecidos ata o momento da especie Homo erectus: o fragmento mandibular dun individuo infantil, ao que denominan Garba. “Os restos foron atopados anos atrás no xacemento de Melka Kunture (Etiopía) pero non foi ata o de agora que se identificaron como da especie Homo erectus. A súa datación adianta a aparición do Homo erectus e da tecnoloxía achelense a hai dous millóns de anos”, segundo vén de informar a Universidade de Vigo, indicando ademais que esta investigación foi publicada este xoves na revista Science nun artigo titulado Early Homo erectus lived at high altitudes and produced both Oldowan and Acheulean tools.

“Estes resultados supoñen un volco no panorama da evolución humana a nivel mundial, xa que se adianta a aparición do Homo erectus, considerado como a primeira forma de homínido de trazos plenamente ‘humanos’, a hai 2,06 millóns de anos e a orixe da tecnoloxía achelense a hai 1,95 millóns de anos”, explica o arqueólogo da Universidade de Vigo, que é membro do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio e profesor da Facultade de Historia do campus de Ourense.

Así mesmo engade que, aínda que se tiña atopado algún resto fósil non había elementos diagnósticos que puidesen datar con precisión a aparición do Homo erectus en África e sinalábase que debería estar sobre hai 1,8 millóns de anos. Coa aparición dos restos dentais de Garba, sinala Eduardo Méndez, disponse xa dun elemento de diagnose que “permite por primeira vez poder establecer a antigüidade máxima dos Homo erectus en África en hai 2,06 millóns de anos”.

Esta investigación destaca así mesmo, segundo os seus responsables, porque “permite hipotizar sobre como, entre os diferentes tipos de homínidos localizados no continente africano, este Homo erectus, que se desenvolveu no frío altiplano etíope e non no cálido val do Rift”, foi o que logo deu o salto a fóra de África pois estaba xa adaptado ás condicións climáticas frías dos novos territorios.

Melka Kunture

O xacemento de Melka Kunture está situado ás beiras do río Awash, entre os 2.000-2.200 m sobre o nivel do mar. A súa secuencia sedimentaria recoñecida abarca uns dous millóns de anos e conserva xacementos arqueolóxicos característicos dos tecnocomplexos Olduvaiense, Achelense e Middle Stone Age, segundo o equipo de investigadores. “Esta circunstancia converte este enclave nunha das principais secuencias do continente africano para entender a evolución cultural dos últimos dous millóns de anos·. A investigación deste xacemento lévase realizando desde 1963 e actualmente desenvólvese baixo a Italo-Spanish Archaeological Mission at Melka Kunture and Balchit, coa dirección de Margherita Mussi, Eduardo Méndez e Joaquín Panera (Universidad Complutense de Madrid).

Un dos principais enclaves de Melka Kunture é o xacemento de Garba IV, escavado en diferentes épocas e extensión e que ten achegado un cuantioso conxunto de ferramentas de pedra, ósos de grandes mamíferos e restos humanos. Sobre os niveis principais do xacemento identificouse o evento paleomagnético de Olduvai (datado a escala global entre 1,95–1,77 millóns de anos) e isto permite situar a súa cronoloxía nuns dous millóns de anos, segundo os investigadores.

Nun dos niveis máis profundos deste xacemento (nivel E), datado en 2,06 millóns de anos, foi onde se atopou o fragmento mandibular de Garba, un individuo infantil de 2-3 anos de idade ao que o equipo investigador, a falta de datos para coñecer o seu sexo, prefire referirse como nena. “O fragmento mandibular de Garba conserva no exterior dous dentes de leite, pero estes, ao non ser definitivos, son pouco representativos para a identificación a nivel de especie. Os dentes definitivos e, por tanto máis significativos, estaban no interior do óso”, explica Eduardo Méndez.

Para coñecer as súas características, a mandíbula foi analizada no European Synchrotron Radiation Facility, de Grenoble (Francia). “Os datos obtidos para os dentes definitivos son moi significativos: confirman a adscrición de Garba ao taxón de Homo erectus e convérteno no exemplar máis antigo do rexistro paleoantropolóxico mundial”, afirma o arqueólogo da UVigo.

 

O arqueólogo da UVigo Eduardo Méndez, profesor no Campus de Ourense./ Foto: Duvi.

 

 

Expansión fóra de África

O Homo erectus, en palabras de Eduardo Méndez, pódese considerar como a primeira forma de homínido de trazos plenamente ‘humanos’. “A aparición na escena evolutiva deste taxon supuxo unha aceleración substancial no proceso de difusión das poboacións humanas dentro e fóra de África e, por tanto, é a primeira especie humana que sae do continente africano, hai algo máis de 1,8 millóns de anos”, sinala.

A data e a zona de África na que se desenvolve inicialmente este taxon, engade, estaba en discusión pois estimábase que a súa aparición inicial roldaría os 1,9-1,8 millóns de anos, pero non estaba definitivamente establecida. As condicións físicas máis desenvolvidas dos Homo erectus (en comparación a outros exemplares iniciais do xénero Homo, como os Homo habilis) permítelles, segundo detalla o investigador, implementar novas e máis sofisticadas solucións tecnolóxicas, entre as que destacan a invención da tecnoloxía achelense e a capacidade para utilizar o lume.

Os datos fornecidos polo xacemento de Garba IV e recollidos no artigo publicado en Science, sinala o equipo investigador, “fan reformularnos algunhas ideas preestablecidas sobre a aparición do xénero Homo a escala africana”.

Artigos relacionados

Back to top button