Segundo a Asociación Española Contra o Cancro, este é o problema sociosanitario máis importante de España e do Mundo. “Para o ano 2030, 1 de cada 2 homes e 1 de cada 3 mulleres terá cancro ao longo da súa vida”, aseguran. Neste contexto, no marco do Día Mundial da Investigación en Cancro que se celebra cada 24 de setembro, insiste na “importancia de impulsar a innovación na investigación oncolóxica para achegar os resultados aos pacientes e mellorar a supervivencia en cancro”.
A innovación é unha das claves para achegar os resultados da investigación aos pacientes, polo que a Asociación Española Contra o Cancro apoia os seguintes proxectos de innovación relacionados co cancro de próstata, o cancro infantil, a intelixencia artificial e novos enfoques en radioterapia, entre outros. E é que, “da investigación depende en gran medida a supervivencia da enfermidade que, actualmente, sitúase nunha taxa de 55,3% en homes e de 61,7% en mulleres”. Neste sentido, a Asociación lidera a iniciativa “Todos contra o cancro”, co obxectivo de superar o 70% de supervivencia media en 2030.
Para conseguir este obxectivo, non só é necesario apoiar o talento investigador e aumentar o investimento especialmente naqueles tipos de cancro cunha supervivencia baixa ou estancada. “Tamén é necesario impulsar a investigación en innovación científica para lograr, acelerar e levar os resultados do laboratorio aos pacientes. Porque a investigación oncolóxica debe dar solucións ás necesidades de pacientes e médicos”, aseguran dende a AECC.
Tamén é importante achegarse á cidadanía para explicar e poñer de relevancia o impacto nas vidas dos pacientes da investigación oncolóxica e a innovación. Por iso a Asociación en Ourense organizaba, na rúa do Paseo unha mesa informativa e taller de ciencia en colaboración coa cooperativa Aventeira que contou coa participación do presidente da Asociación en Ourense, Germán Rodríguez-Saá, e de diversas autoridades políticas e voluntariado.
No caso da xunta local do Barco era na mañá deste mércores 25 de setembro cando instalaban unha mesa informativa da campaña na entrada do Hospital Público de Valdeorras, a cargo de varias voluntarias.
Germán Rodríguez-Saá, presidente da Asociación en Ourense, afirmaba que “conseguir alcanzar o reto de superar o 70% de supervivencia en 2030 necesita un compromiso por parte de todos os ámbitos da sociedade”. Para iso é necesario contar e dar a coñecer á cidadanía o papel imprescindible que xoga a investigación oncolóxica e a innovación e ese é o obxectivo dos eventos que impulsamos en Ourense. “Segundo o Observatorio da Asociación Española Contra o Cancro diagnosticaranse 2.517 casos de cancro en 2030 en Ourense. Que o día a día deses pacientes sexa mellor e que aumenten as súas posibilidades de supervivencia depende en boa medida da capacidade que teñamos hoxe para impulsar a investigación e para iso todos somos importantes e relevantes”, asegura Rodríguez-Saá.
Fotos: Mónica G. Bellver e cedidas.