CulturaCulturaÚltima hora

O número 50 da revista Raigame conmemora o centenario do Seminario de Estudos Galegos

A presentación tiña lugar por parte da Deputación, editora da publicación

Presentación do número 50 da revista Raigame.

 

A Deputación de Ourense edita o número 50 da revista Raigame que leva desde o ano 1995 divulgando a cultura popular tradicional. A publicación foi presentada hoxe no Pazo Provincial polo vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández; polo director da mesma, Xulio Fernández; e polo patrón do Museo do Pobo Galego e exdirector do Museo Arqueolóxico de Ourense, Francisco Fariña, colaborador habitual.

Neste número 50, Raigame conmemora o centenario do Seminario de Estudos Galegos no que participaron boa parte da intelectualidade ourensá da primeira metade do s. XX. No ano 1995 nace esta publicación coa vocación de continuar o traballo marcado por este Seminario e que case trinta anos despois “atesoura unha longa traxectoria de divulgación de estudos etnográficos que son fundamentais para interpretar a nosa historia e poder trasladarnos así cara o noso futuro”, salientou César Fernández.

Raigame é unha publicación clave para “manter e coidar a nosa tradición achegando traballos cun alto valor científico e con esa parte divulgativa que entendo que debe ter as manifestacións culturais”, salientou o vicepresidente segundo da Deputación. Neste mesmo sentido, Francisco Fariña puxo en valor “o gran traballo” realizado durante todos estes anos para poder “sacar adiante 50 números nos que están recollidos a semente do coñecemento da provincia de Ourense”. Asegurando que Raigame é testemuña de traballos cunha temática moi variada e tamén é lembranza de persoeiros relevantes da cultura galega como Xaquín Lorenzo, Lamas Carvajal, Ferro Couselo, entre outros.

 

 

Xulio Fernández fixo un repaso pola historia da revista Raigame lembrando que nacera “no ano 1995, aos seis anos da morte de Xaquín Lorenzo, co obxectivo de continuar a traxectoria indicada polo investigador ourensán”. Nese repaso, destacou outras datas 1999, ano no que se publica o número 9 cun monográfico dedicado a Xaquín Lorenzo (no décimo aniversario da súa morte) e que se reedita no ano 2004 cando protagoniza o Día das Letras Galegas.

Número 50 da revista Raigame

Os primeiros artigos deste novo número da revista Raigame céntranse na creación do Seminario, algunhas das súas actuacións ou iniciativas, o papel de membros destacados como Ben-Cho-Shey ou os irmáns Lorenzo Fernández. Tamén se abordan cuestións como a necesidade de atender o patrimonio histórico-cultural da cidade e da provincia, unha análise sobre a poesía popular a través dos cancioneiros; e un percorrido pola provincia de Ourense a través dos selos. Outros dos protagonistas dos artigos que inclúe esta publicación é Vilanova do Infantes e a Romaría Etnográfica Raigame, a arquitectura popular da Ribeira Sacra, as ilustracións e ilustradores da revista e pecha este número unha escolma cos colaboradores e artigos publicados nos seus 50 números de existencia.

Artigos relacionados

Back to top button