OurenseÚltima hora

Rueda pon en valor a cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal no eido da investigación e o coñecemento

O presidente do Goberno galego participa na inauguración do I Congreso do programa ‘Iacobus’ celebrado en Ourense

 

Na mañá deste mércores 18 de setembro o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor o papel clave que xoga a cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal, especialmente no ámbito da investigación e o coñecemento, como “unha demostración clara da irmandade entre ambos territorios e unha garantía para que os lazos entre ambos territorios sexan permanentes e produtivos, sendo estruturas políticas diferentes, agradezo o seu esforzo por tomar políticas valentes. A cooperación serve, a cooperación funciona”.

Así o apuntaba na inauguración do I Congreso do programa Iacobus, celebrado no marco do 10º aniversario da posta en marcha desta iniciativa, ao mesmo tempo que definiu a Eurorrexión como un dos espazos máis dinámicos de cooperación dentro da Unión Europea. Rueda fixo fincapé na importancia de proxectos como o Iacobus, que fomenta a colaboración entre universidades e centros de investigación de ambos lados da fronteira. “O noso obxectivo era que esta cooperación puidésese trasladar a algo concreto, algo que a xente percibise, e atopámolo poñendo o foco aquí, na cooperación entre universidades”, destacou o presidente.

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

 

Neste sentido, subliñou que o programa é un exemplo de como a colaboración entre territorios pode transformar as fronteiras en puntos de encontro. Ademais, destacou que a inclusión de novos centros tecnolóxicos no programa –na xornada de hoxe pasarán tamén a beneficiarse do programa o Centro Tecnolóxico Clúster de Acuicultura (Ribeira) e o Centro de Interface Tecnolóxico e Industrial (Arcos de Valdez)– non só reforza o proxecto, senón que expande as súas oportunidades de impacto en sectores clave como a economía, a cultura e o emprendemento como “un proxecto que empezou modestamente e que agora está dando moitos froitos e da posibilidades para acceder a outras financiacións europeas”, salientou.

O programa Iacobus, promovido pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, facilita estadías de investigación e mobilidade de profesionais entre as universidades, institutos politécnicos e centros tecnolóxicos e fundacións biomédicas de Galicia e o Norte de Portugal.

 

 

A iniciativa, na que participan 39 entidades, vai dirixida a persoal investigador pre e posdoutoral, docente (PDI), e de administración e servizos (PAS) das universidades, institutos politécnicos e centros tecnolóxicos. Nesta década en activo, o programa destinou máis de 2 M€ a financiar estadías de investigación, patentes e artigos publicados en revistas científicas.

Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo e anfitrión do congreso, resaltou a potencia e fortaleza das universidades galegas e do norte de Portugal “que están a competir no escenario global, e das que a cidadanía pode presumir” e engadiu que “o noso obxectivo é o impacto social, contribuír a unha sociedade igualitaria e ao pleno emprego”. Tamén participou na apertura do I Congreso Iacobus, Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, que centrou a súa intervención “na importancia de integrar a compoñente universitaria e de investigación para facer valer os intereses económicos e sociais do arco Atlántico no ámbito da Unión Europea”. O director da GNP, AECT, Nuno Almeida, pola súa banda, detívose en dous fitos do programa: en 2018, a integración de 22 centros tecnolóxicos, e en plena pandemia, en 2020, a incorporación de seis fundacións biomédicas.

 

 

No I Congreso Iacobus tamén interviron Jesús Gamallo, Director Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, e Emídio Gomes , ex presidente da CCDR Norte e actual reitor da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), que narraron e analizaron as orixes e creación deste programa de cooperación transfronteiriza. Posteriormente, do balance dos dez anos do IACOBUS e as súas perspectivas de futuro encargáronse Xosé Lago, subdirector da GNP, AECT, e Ángel Miramontes, director da Fundación CEER, presentados por Jorge Sobrado, vicepresidente da CCDR-Norte.

“O futuro está na innovación e o camiño é a investigación”, aseverou Lago. Trinta e nove entidades adheridas e máis de dous millóns de euros concedidos en axudas nas súas tres modalidades, estadías de investigación (máis de 1.400 nos dez anos), publicacións e patentes, consolidan o programa. Respecto das patentes, Xosé Lago valorou o efecto positivo da cooperación, tanto no ámbito directamente científico e tecnolóxico, como á hora da preparación de candidaturas a proxectos. Tamén destacou a calidade dos artigos que se presentan á modalidade de papers, e a aposta, no caso da modalidade de patentes, por a valorización da produción científica da Eurorrexión, “a través da axudas de utilización da propiedade industrial como ferramenta de protección da innovación e do acceso ao mercado internacional”. Pola súa banda, Ángel Miramontes, director da Fundación CEER, avanzou as novidades do Programa IACOBUS, convertido agora xa nun proxecto autónomo cofinanciado á través do INTERREG POCTEP. Entre estas novas actuacións destacan o congreso bianual, un anuario e unha revista científica. Neste sentido, Miramontes destacou que a calidade e cantidade da produción científica da Eurorrexión ten un aspecto endémico e diferencial no ámbito europeo.

 

 

O congreso pechaba a súa programación na tarde deste mércores con dúas mesas redondas: unha sobre a visión das Institucións participantes sobre o Programa IACOBUS, moderada por Ana Paula Marques, secretaria Xeral da Fundación CEER, e outra sobre as experiencias e perspectiva dos participantes no programa, que conduciu Alfonso Rubio, xerente de GNP, AECT. A clausura do evento correu a cargo do vicerreitor do Campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez Rajo.

Artigos relacionados

Back to top button