EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaVídeosViticultura

A estudante ourensá Noelia García descubre a vitivinicultura de Larouco a través do proxecto Campus Rural

Dende xuño leva colaborando en labores de adega e viñedo en diferentes bodegas deste municipio valdeorrés

 

Entre as numerosas persoas que nestas datas centrais de vendima están a participar nas labores de recollida da uva na Denominación de Orixe Valdeorras está Noelia García Pérez, estudante do Grao de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos no Campus de Ourense (Universidade de Vigo), dentro da mención de Enoloxía. Xa leva dende o mes de xuño traballando no eido da vitivinicultura na comarca, e máis en concreto no municipio de Larouco a través do proxecto “Campus Rural”, que implica un convenio dentre a universidade e o Concello.

“A Universidade de Vigo convocou unha beca de prácticas no rural para fomentar a presenza de estudantes en concellos que perden poboación co fin de favorecer que a xente moza veña ao rural. Eu presenteime a esa bolsa, chamáronme e a finais de maio para informarme de que podía empezar a primeiros de xuño e dixen para adiante. O meu labor consiste en colaborar coas adegas do concello de Larouco e dentro da bolsa inclúese o aloxamento, eu teño que pagar a comida e o desprazamento ata aquí”, explica esta alumna, natural da cidade de Ourense, que xa completou a carreira e que nuns meses ten previsto rematala coa presentación do seu traballo de fin de grao (TFG).

 

Noelia García, en viñedos de godello de Seadur (Larouco).

 

Así, dende xuño Noelia García ten realizado labores de laboratorio (nas adegas máis grandes do municipio), de mostreo, ten axudado a embotellar, a etiquetar, a facer palés e noutras tarefas propias das adegas. E co inicio da campaña de vendima xa se incorporaba aos traballos en viñedo. “Agora estou en vendima, mostreando de vez en cando para ver como vai o tinto neste caso e axudando nos procesos de vendima, no que é recoller a uva, logo alí prensar, despalillar, sulfitar, etc.”, engade.

 

 

 

A súa bolsa, que lle permitiu tamén descubrir a Denominación de Orixe Valdeorras e as súas variedades brancas e tintas, dura catro meses e rematará a mediados de outubro. Do meses vividos ata agora en Larouco, onde colaboraba con adegas de dentro e de fóra da D.O. Valdeorras a través da beca, fai un balance moi positivo. “Como tal a iniciativa creo que está moi ben porque permíteche ganar experiencia laboral, que eu creo que fai moita falta. E se non é por bolsas coma esta resulta complicado ganala”, asegura Noelia García, “paréceme unha boa experiencia e que che permite entrar un pouco máis no mundo rural e coñecelo dende cero, dende a viña ata a elaboración do viño”.

 

 

Tras rematar a súa bolsa en Larouco, esta ourensá centrarase na finalización do seu TFG, tamén dedicado ao mundo do viño. “É un traballo sobre os viños brancos de albariño dunha adega da D.O. Rías Baixas e consiste en aplicar altas presións ao viño para intentar substituír a etapa de filtración polo proceso de altas presións”. A súa intención é presentalo na primavera.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button