Co remate da recollida da uva en Bodegas Viña Somoza, o Consello Regulador da D.O. Valdeorras dá por finalizada a campaña de vendima neste 2023. Os resultados tanto en “cantidade como en calidade” son “magníficos” en tanto en canto “se colleitaron preto de oito millóns de uva de diferentes variedades amparadas”, tal e como destaca o presidente deste organismo, José Ramón Rodríguez.
A cifra supera en 1,5 millóns á do ano 2022 e, novamente, a uva máis abundante no territorio amparado foi a godello (5,7 millóns recollidos fronte aos 4,3 do ano pasado). Tras dela, sitúase a mencía con 1,4 millóns de quilos de uva producidos en Valdeorras e, a continuación, aparecen outras variedades minoritarias.
Así, por exemplo, de Alicante recolléronse 405.023 quilos; da variedade Jerez, 218.241 quilos; de sousón, 26.512 quilos; de albarello, 24.212 quilos; de tempranillo, 16.244 quilos; de merenzao, 12.329 quilos e de dona branca, 3.088 quilos. Tamén se vendimaron 3.701 da variedade caíño e 920 quilos de mouratón.
“O interese pola godello, un dos piares do fortalecemento de Valdeorras”
En opinión de José Ramón Rodríguez, máximo responsable da D.O., os datos amosan que o territorio amparado “segue a medrar” e que “o interese polo godello aséntase como un dos piares do fortalecemento de Valdeorras”.
Para o presidente do Consello Regulador, o incremento no número de quilos vendimados evidencia “o bo traballo que están a facer todos aqueles que realizan a súa actividade no eido vitivinícola na comarca”. Ao tempo, amosouse convencido de que as uvas recolectadas orixinarán “magníficos viños capaces de satisfacer todo tipo de padais”.