EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Xornada sobre manexo sustentable no viñedo e calidade dos viños da D.O. Ribeiro, na Evega

Esta acción formativa, con 60 prazas dispoñibles, está prevista para o 25 de novembro e o prazo para inscribirse xa está aberto

 

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) organizará o 25 de novembro unha xornada técnica sobre o manexo sustentable no viñedo e calidade dos viños na Denominación de Orixe Ribeiro. A formación terá lugar na aula da sede do Consello Regulador desta D.O., situada en Ribadavia. A xornada dispón de 60 prazas e os interesados en asistir xa se poden inscribir presentando un formulario que se atopa na web da Evega (https://evega.xunta.gal/gl/actualidade/xornada-tecnica-manexo-sustentable-no-vinedo-e-calidade-dos-vinos-na-dop-ribeiro). Este prazo rematará o 23 de novembro ou cando se completen as prazas dispoñibles.

O horario da xornada técnica será de 09:30 horas ata as 13:30 horas e enmárcase dentro dun proxecto da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, impulsado a través das accións de cooperación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, para difundir os estudos feitos arredor da sustentabilidade da produción.

 

 

 

“Nesta liña, esta xornada vén motivada pola tendencia global cara o uso de prácticas agrícolas máis sustentables e respectuosas co medio natural, das que os viñedos non son alleos. A intención é reducir o emprego dos produtos de orixe sintética e favorecer outras alternativas naturais para o control de pragas, contribuíndo a preservar a biodiversidade e a obter produtos máis saudables para o consumidor”, segundo a Consellería do Medio Rural.

Os destinatarios desta xornada técnica son os agricultores, viticultores ou gandeiros activos con producións cunha orientación comercial; titulares, asalariados ou con contratos a proba dunha explotación agraria, industria transformadora, asociación profesional ou empresa de servizos agrarios; persoas en idade laboral con expectativas de incorporación ao sector e investigadores relacionados coa actividade -estes últimos sempre que haxa prazas dispoñibles-.

Artigos relacionados

Back to top button