Balance moi positivo da campaña 12ª campaña arqueolóxica no xacemento da Armea (Allariz), que tiña lugar neste verán. “Despois de doce anos traballando no xacemento atopamos restos do seu antigo castro”, explica Adolfo Fernández, director do proxecto arqueolóxico en Armea. Na zona leste da finca da atalaia do xacemento, indica, “localizamos en niveis moi inferiores, a case tres metros de profundidade, unha casa redonda, circular, que estaba destruída polas construcións romanas posteriores”. Desa casa, detalla, “recuperamos materiais arqueolóxicos asociados e non é material romano, é un casa pre-romana e de tipo castrexo”. Polo tanto, indica o arqueólogo, “podemos dicir que atopamos ese castro de Armea que estaba baixo das construcións romanas, podemos asegurar que debaixo da cidade romana de Armea consérvase un poboado castrexo, da Idade de Ferro”.
Os resultados desta campaña, realizada este verán neste enclave polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo; dábanse a coñecer esta mañá no decurso dunha visita na que participaban Adolfo Fernández, vicedecano da Facultade de Historia do campus de Ourense e director das escavacións na “cibdá” xunto con Cristina Cid, alcaldesa de Allariz; María del Carmen Martínez, directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; Roberto Pena, xefe de servizo da Área de Arqueoloxía da Xunta de Galicia; Ricardo Bendaña, director de área do campus de Ourense, María Teresa Barge como representante da Deputación de Ourense e o delegado territorial da Xunta de Galicia Gabriel Alén.
Non foi a localización de restos castrexos a única novidade destacada desta XII campaña, na que participou un amplo equipo do GEAAT e alumnado en prácticas. Segundo explica Adolfo Fernández, na busca destes vestixios castrexos tamén fixeron pequenas sondaxes na zona coñecida como alto dos pendóns, pois, apunta, “de existir estes restos criamos que estaría nas zonas máis elevadas”. Porén, nas sondaxes non se atoparon vestixios castrexos pero si “un pequeno castelo ou fortificación, aínda non sabemos moi ben, de época medieval”. Probablemente, apunta o arqueólogo, “estemos perante a torre que aparece no escudo da parroquia de Santa Mariña, que non se sabía moi ben de onde viña”.
Na campaña de verán tamén se avanzou na escavación da zona da atalaia. Na súa domus leste escavouse por completo o atrio central da casa, o patio interior, do que Adolfo Fernández destaca que “é espectacular, porque está todo moi ben conservado, coas columnas caídas in situ, con capiteis, as escaleiras que dan acceso ao segundo piso… É un atrio único a día de hoxe polo seu estado de conservación e que permite visualizar perfectamente como era unha casa romana”. Por último, o equipo do GEAAT salienta da campaña deste verán a localización de “cultura material” moi rica, entre a que destacan dous denarios de prata do século I antes de Cristo, “que son poucos habituais en contexto galaico”, e tamén un brazalete tipo torques, de bronce e “moi ben decorado”.
Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, agradecía a colaboración tanto da Xunta de Galicia coma da Deputación Provincial nun proxecto tan importante como é o de Santa Mariña. Segundo palabras da alcaldesa en Santa Mariña de Augas Santas se cumpren dous obxectivos importantes. O primeiro é conseguir desenterrar o pasado para entender mellor onde estamos, como chegamos á actualidade sendo conscientes da historia, do noso pasado, da nosa memoria histórica. O segundo obxectivo que se cumpre é que todo este patrimonio que se está a desenterrar sirva para dinamizar unha zona tan importante coma esta. Estase a conseguir que un recurso tan importante axude a asentar poboación en núcleos que a estaban a perder, poñendo en valor o patrimonio.
Adolfo Fernández resaltaba a importancia da colaboración das distintas institucións e agradecía a confianza posta no GEAAT no proxecto de Armea. O director da escavación tamén destacou que Armea convértese en cada campaña nun centro de formación para os estudantes de arqueoloxía que cada verán se achegan a escavar.
María del Carmen Martínez, directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, resaltou a importancia das actuacións como estas, a importancia de poñer en valor o patrimonio cultural dende as institucións , que permitan que xeracións vindeiras comproben, coñezan as culturas que nos precederon.
Por outra banda, María Teresa Barge, como representante da Deputación de Ourense, manifestou a satisfacción por parte da institución que representa por formar parte deste proxecto de recuperación da historia de Armea.
A campaña deste 2023 foi froito dun convenio de colaboración existente entre a Universidade de Vigo e o Concello de Allariz e contou co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense.