Co obxectivo de determinar as orixes e natureza do monumental xacemento de Vilarello, unha gran estrutura circular que dominaba un altozano sobre o val de Cereixa (A Pobra do Brollón, Lugo), realizábanse o pasado xullo escavacións neste lugar. A intervención deixaba á vista unha gran muralla duns 5 metros de grosor, seguida ao exterior por un gran foso perimetral que rodeaba todo un espazo de máis de 60 metros de diámetro. Este descubrimento poñía ao equipo de investigadores da campaña tras a pista do que parecía un “hábitat moi ben fortificado. Encostado ao interior da muralla, e baixo o derrube da mesma, unha estrutura de madeira carbonizada deixaba constancia do final que sufriu o lugar: un gran incendio, accidental ou voluntario, que acabou coa ocupación do sitio”.
Durante esta actuación arqueolóxica no interior do emprazamento documentáronse os zócalos de pedra de, polo menos, unha cabana feita en madeira e barro, con algún dos buracos dos postes que a sustentaban, así como un gran número de anacos de cerámica. Nesta zona recuperouse tamén unha gran machada de pedra que, xunto ás evidencias cerámicas, situaban o xacemento en momentos anteriores á chegada do uso do ferro, na coñecida como Idade de Bronce. Agora, dúas datacións por radiocarbono revelan o período concreto no que Vilarello estivo habitado.
“A primeira das datacións obtidas tras analizar os carbóns do gran incendio que sela o lugar lanza unhas datas de entre o século XI e o IX a.C. Este sería o momento de construción da muralla e a estrutura de madeira encostada a ela, nos momentos finais da Idade de Bronce. Isto cobra máis sentido aínda se cabe se atendemos á presenza no lenzo da muralla de grandes bloques de limonita, unha rocha composta por óxidos de ferro, principal fonte de ferro durante a época castrexa. Por iso, inferimos que, durante a construción da muralla o coñecemento e a técnica da metalurxia do ferro aínda non chegara á Terra de Lemos”, explican os investigadores.
Máis sorprendente aínda é o resultado da segunda datación, correspondente á cabana situada intramuros, xa que lanzou “unha data de entre o século VIII e o V a.C., o que suporía a continuación do período anterior, convertendo a Vilarello nunha testemuña perfecta da transición entre a Idade de Bronce e a I Idade de Ferro. Este período, profundamente descoñecido en Galicia, é moi esquivo para os investigadores, e os paralelos máis claros proveñen do norte de Portugal e de Asturias. En Galicia, o patrón de poboamiento tanto do final do Bronce como de principios do Ferro é unha das materias pendentes da arqueoloxía, polo que xacementos como Vilarello cobran unha importancia vital na comprensión dos cambios sociais que se dan entre o II e o I milenio a.C.”, continúa o equipo.
Xornadas sobre este tipo de xacementos no noroeste
A isto engádese a investigación de sitios parecidos nos últimos anos en lugares como Adai, tamén en Lugo, e que xeraron un interese investigador por este ámbito. Froito diso son as futuras reunións científicas previstas para tratar as cuestións máis relevantes deste tipo de xacementos no noroeste ibérico. A primeira delas será unha xornada de conferencias en colaboración co Consello da Cultura Galega e organizada por Pilar Prieto Martínez, Luis Cordeiro Maañón (EcoPast, EducoPast, Universidade de Santiago de Compostela, CISPAC), Rodrigo Paulos Bravo (Universidade Complutense de Madrid) e Xurxo Ayán (Universidade Nova de Lisboa), e que terá lugar en xullo de 2024.
Por outra banda, organizouse unha sesión no foro anual máis importante da arqueoloxía europea, o Congreso da European Association of Archaeologist (EAA), que se celebrará a finais de agosto en Roma, e que xerará un contexto de debate inigualable con outros colegas europeos. Así mesmo, a sesión foi organizada por Rodrigo Paulos Bravo (Universidade Complutense de Madrid), Pilar Prieto Martínez (EcoPast, EducoPast, Universidade de Santiago de Compostela, CISPAC) e Xurxo Ayán (Universidade Nova de Lisboa).
Fotos: Proxecto Vilarello.