EconomíaEconomíaÚltima hora

Nova iniciativa para fomentar o emprendemento no rural en Allariz e a mobilización de terras abandonadas

A Fundación Juana de Vega colaborará nos 3 próximos anos coa Fundación Ramón González Ferreiro para crear oportunidades dende o Ecoespazo O Rexo e a Granxa Educativa Agrogandeira

 

A Fundación Juana de Vega e a Fundación Ramón González Ferreiro colaborarán nos próximos tres anos na creación e promoción de novas oportunidades para o medio rural galego desde o Ecoespazo O Rexo e a Granxa Educativa Agrogandeira que opera nestas instalacións. O acordo entre as dúas entidades artellarase a través de tres eixos: prestación de asesoramento para o fomento do emprendemento, desenvolvemento de accións para a mobilización de terras abandonadas e formación especializada para o sector agroalimentario.

O convenio de colaboración asinábase este mediodía polos presidentes de ambas institucións, Enrique Sáez Ponte e Ángel Ferreiro Estévez, durante un acto celebrado en Allariz, na sede da González Ferreiro.

En concreto, as actividades nas que colaborarán as dúas fundacións son, por unha parte, a identificación de bolsas de terras abandonadas na área de Allariz que sexan susceptibles de aproveitamento produtivo para a posta en produción baixo criterios de multifuncionalidade e de sostibilidade, así como na realización de dinámicas participativas para lograr acordos de cesión, de ser o caso, entre os propietarios e os posibles emprendedores interesados na súa xestión.

Ademais, a Fundación Juana de Vega tamén prestará servizos de asesoramento especializado a emprendedores da zona e a empresas existentes, tanto no que se refire á elaboración de plans de negocio ou estratexias para acceder a novos mercados ou abordar procesos de consolidación ou crecemento.

Ambas entidades tamén colaborarán no desenvolvemento de accións formativas relacionadas coa comercialización, etiquetaxe, packaging e márketing de produtos agroalimentarios, dirixidas a empresarios locais e a emprendedores.

A primeira colaboración que está previsto poñer en marcha centrarase no Ecoespazo O Rexo e na Granxa Educativa Agrogandeira que a Fundación Ramón González Ferreiro inaugurou en 2000 co obxectivo de valorizar iniciativas de desenvolvemento rural que axuden a preservar o medio natural. A granxa conta con queixería para valorización comercial da produción de leite dun rabaño de ovellas Latxas.

Co obxectivo de impulsar esta iniciativa, desenvolverán conxuntamente un plan comercial para incrementar as vendas de queixos e abordar novos mercados para fortalecer este proxecto empresarial. Paralelamente, traballarán na elaboración dun plan de negocio que permita analizar a viabilidade de creación de máis granxas de ovellas que se poidan sumar como novos centros produtores a esta iniciativa empresarial de desenvolvemento rural impulsada pola Fundación Ramón González Ferreiro.

Por último, a Fundación Juana de Vega tamén colaborará coa Granxa Educativa Agrogandeira na ampliación da súa base territorial, identificando terras en estado de abandono que permitan incrementar a súa superficie actual de pastoreo.

Tal e como destacou Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega: “Para nós é un motivo de gran satisfacción estar hoxe presentes en Allariz para asinar este convenio coa Fundación Ramón González Ferreiro. Somos dúas institucións que, con medios propios, estamos comprometidas a fomentar o desenvolvemento do espazo rural, apoiando aos emprendedores e axudando a dinamizar a ocupación do territorio para facelo más rendible, máis resiliente e mellor coidado no plano medioambiental e paisaxístico. Hoxe poñémonos a traballar xuntas co obxectivo de coordinar esforzos para ser máis eficientes e potenciar o papel da dinámica sociedade civil galega da que formamos parte”.

Pola súa parte, o presidente da Fundación Ramón González Ferreiro, Ángel Ferreiro Estévez, agradeceu a dispoñibilidade da Fundación Juana de Vega a colaborar e unir esforzos: “Desde o primeiro momento houbo sintonía e comprensión cara a un proxecto como o do Rexo no que nós temos depositadas moitas esperanzas”, destacou. “O traballo por evitar o despoboamento rural, engadiu Ferreiro, ten hoxe un novo instrumento para construír actividade agraria onde hai abandono. Para a Fundación Ramón González Ferreiro é un honor poder contar coa colaboración dunha entidade experimentada e eficaz como a Fundación Juana de Vega”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button