Á sexta foi a vencida. Custou máis do desexado pero o CD Córgomo Vilamartín lograba por fin a primeira vitoria na recén estreada Primeira Futgal.
Na tarde deste domingo 13 de outubro os rapaces de David Pérez (sancionado para este partido) superaban pola mínima ao CD Allariz no partido de homenaxe a Toño, sumando tres puntos máis ao seu historial nunha calurosa tarde de mediados de outubro no campo vilamartinés de O Bañadoiro.
Non foi o mellor partido dos valdeorreses, de feito na primeira metade os alaricanos dominaron boa parte do xogo con varias ocasións de gol que non chegaron a transformar. Os verdibrancos tamén tiveron algunha ocasión, truncada polo gardameta pero os goles non querían entrar chegando ao descanso co 0-0 no marcador.
Xa na segunda parte Dani Real marcaba para o Córgomo no minuto 71 o único tanto do encontro.
Con este resultado, logo de tres derrotas e dous empates, o CD Córgomo Vilamartín mantense na 14 posición aumentando a distancia co seguinte clasificado, o Maside. A seguinte cita será no campo de A Carabina para xogar contra o Loñoá.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.