OurenseÚltima hora

Medalla de ouro da provincia de Ourense para Carlos Casares

O acto de entrega deste galardón a título póstumo terá lugar o vindeiro 9 de marzo, data na que se conmemora o 16º cabodano do intelectual ourensán
O escritor ourensán Carlos Casares./ Foto: Carlos G. Hervella.

O escritor ourensán Carlos Casares, a quen se lle dedicaban as Letras Galegas do 2017, será distinguindo pola Medalla de Ouro da Provincia, a título póstumo. A entrega deste galardón que lle concede a Deputación de Ourense terá lugar no salón de plenos do Pazo Provincial o vindeiro 9 de marzo, data na que se conmemora o 16º cabodano do intelectual ourensán, falecido en 2002.

O máximo recoñecemento que outorga a Deputación de Ourense foi aprobado en sesión plenaria pola Corporación provincial o pasado 24 de novembro de 2017, ditaminando conceder a Carlos Casares o dito recoñecemento.

O expediente de honra sinala que se lle outorga esta distinción “como homenaxe e recoñecemento do noso pobo a toda unha longa traxectoria cultural e social marcada polo seu carácter conciliador que forxou na súa etapa máis ourensá”. Tamén destaca o expediente que as meritorias circunstancias persoais e profesionais que concorren no escritor Carlos Casares “son determinantes para avaliar as calidades que honran a este persoeiro”.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, cualifica a Carlos Casares de “excelente embaixador da Ourensanía”, e afirma que Ourense “é un feito literario engrandecido polo seus escritores, como dixo Casares, quen universalizou o modo de narrar e abriu camiños á literatura galega”. O acto solemne do vindeiro do 9 de marzo contará coa presenza de familiares e amigos de Carlos Casares, e dunha ampla representación de persoeiros dos ámbitos institucional, cultural e social.

Artigos relacionados

Back to top button