DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Medio cento de cativos asisten ao I Campus de Verán do CD Rúa

O campamento de fútbol arrancou hoxe e estenderase ata o domingo 9 de xullo

Con moita ilusión e ganas arrancaba, na mañá do 3 de xullo, o I Campus de Verán do CD Rúa. Un campamento de fútbol con 50 cativos inscritos, dende os 4 ata os 13 anos.

Ao longo de toda a semnana (a clausura será o domingo 9 de xullo), en horario de 10 a 14 horas, os asistentes poderán xogar ao fútbol pero o programa non só se centrará no apartado deportivo, que si tentarán mellorar perfeccionando técnicas e tácticas de cada xogador, senón que tamén fomentarán hábitos saudables e a mellora de certos valores tanto de respecto cara os demais, como coidado do material, aprendendo a “convivir e relacionarse”.

Tal como explican dende a organización, os cativos están divididos en catro grupos de idade dirixidos por un monitor. A cargo dos máis pequenos, de 4 a 6 anos, está Luis María (adestrador do equipo prebenxamín do CD Rúa); os de 7 a 10 son os máis numerosos polo que os dividiron en dous, que estarán dirixidos por Carol (xogadora do Rúa-Valdeorras CF) e ÓScar (xogador de fútbol sala); e por último os de 11 a 13 anos estarán a cargo de Carlos (xogador do CD Rúa). Tamén forman parte da organización outros membros do club rues como Javier Ferrer e Rosendo Durán.

O campus contará ademais con convidados que compartirán experiencias e xogo cos cativos. Hoxe tocoulle o turno ao rues Pablo Martínez, quen comezou a xogar na base do Rúa e agora é preparador físico (estivo no Deportivo B xuvenil e nas Pontes). Outro día achegarase ata A Rúa Andrea Carid, xogadora do Ourense Envialia, gañador da Copa de España de fútbol sala feminino.

A presentación desta primeira edición do campus tiña lugar no campo de fútbol do Aguillón, contando coa presenza do alcalde da Rúa, Luis F. Gudiña e do concelleiro de Deportes, Avelino Fernández, que deron a benvida aos cativos.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button