
Na Consellería do Medio Rural tiña lugar na mañá do 19 de xullo unha reunión da comisión territorial de seguros agrarios. Entre os datos analizados no encontro a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, sinalaba os cinco millóns de euros que este ano achegaranse para subvencionar as distintas liñas de seguros en Galicia.
Co obxectivo de fomentar a contratación de seguros, Medio Rural “non só apoia económicamente as pólizas, senón que tamén exerce campañas de divulgación e faino da man do propio sector. Así, desenvolveu accións coas cinco denominacións orixe de viños, tamén ofreceu charlas sobre a pataca e o cereal, para o sector da flor e planta ornamental e, por último, para o vacún de leite”, din dende a consellería.

Durante a xuntanza, analizáronse tamén os bos resultados do programa iniciado por Medio Rural co fin de fomentar a contratación de seguros no ámbito vitivinícola. O plan consistiu na creación dun grupo de traballo onde estiveron presentes todas as denominacións de orixe galegas e da Evega, como centro especializado, e desta mesa saíu unha proposta de revisión dos prezos das indemnizacións que finalmente foi incorporada por Enesa.
Dado o éxito desta idea, no encontro acordouse seguir o mesmo esquema no eido da castaña. De feito, o secretario da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia participou na reunión e decidíase constituír un grupo de traballo para fomentar a contratación de pólizas no sector.