ConcellosÚltima hora

Medio Rural destina case 1,8 millóns para proxectos de prevención de lume nas comunidades de montes

A comarca máis beneficiada é Viana, con case 500.000 euros para 38 proxectos
Visita a Sarreaus, na Limia.

A Consellería do Medio Rural vén de conceder este ano na provincia de Ourense un total de 1,8 millóns de euros en axudas para a prevención dos danos causados nos montes por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e Sociedades de Fomento Forestal (Sofor). Estas axudas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

A achega concedida na provincia destinarase, informan dende Medio Rural, a 148 proxectos presentados polas comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC) de 11 comarcas. Esta orde de axudas engloba dúas liñas de subvención: por unha parte, financia o control selectivo do combustible en áreas cortalumes, faixas auxiliares de pista, rexenerado forestal natural e a roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais. A segunda liña de subvención financia a construción de puntos de auga, que deberán localizarse en zonas estratéxicas para a defensa dos núcleos de poboación e das masas forestais.

A Valdeorras esta cantidade ascende a 124.163,35 euros, que se destinarán para dez proxectos neste área da provincia. Pero a comarca máis veneficiada é Viana, cun total de 474.824,28 euros que se destinarán a un total de 38 proxectos.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou hoxe, 22 de xuño,  os traballos realizados pola agrupación formada polas comunidades de montes de Nocelo da Pena, no concello de Sarreaus, e a das Mercedes, en Cualedro, pertencente á comarca da Limia. Na visita estivo acompañada polo xefe territorial de Medio Rural, Yago Borrajo Sánchez.

Este colectivo é o máis beneficiado pola Orde de axudas deste ano e recibiu 34.000 euros para traballos de roza e cortalumes. Na pasada convocatoria, esta agrupación construíu un punto de auga, rozou 27 ha. en rexenerado forestal e case 7 ha. de áreas de cortalumes con cargo a estas axudas, por un importe de máis de 18.300 euros.

A delegada territorial aproveitou esta visita para facer un chamamento á cidadanía para que se extremen as precaucións durante estes días de cara a evitar lumes accidentais e recordou que antes do 30 de xuño, os propietarios, arrendatarios, usufrutuarios ou titulares dos terreos deberán xestionar a vexetación preta ás vivendas.

Ademais, a máxima representante do Goberno galego en Ourense apelou á responsabilidade dos cidadáns para que denuncien calquera actividade delituosa incendiaria da que teñan coñecemento e lembrou a existencia do teléfono de aviso 085, operativo durante as 24 horas do día.

Neste senso, Díaz Mouteira incidiu na necesidade dunha maior concienciación na sociedade dos perigos do lume e da colaboración cidadá para atallar con celeridade as consecuencias da lacra do lume. “Entre todos temos que ser quen de loitar e traballar conxuntamente para vencer as dificultades na loita contra os incendios”, aseverou.

Distribución de subvencións por concellos.

Artigos relacionados

Back to top button