EconomíaEconomíaÚltima hora

Medio Rural rematará neste mes a recuperación das zonas afectadas polos grandes lumes do verán

A conselleira, Ánxeles Vázquez, vistou hoxe Entrimo para supervisar as obras de rexeneración deste área

 

161212_angeles_vazquez_entrimo_3
Ánxeles Vázquez visitou Entrtimo acompañada do director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernánzez-Couto e pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz.

A conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez, sinalou esta mañá que ao longo do mes de Nadal rematarán os traballos de recuperación das zonas afectadas polos grandes lumes deste verán, que comprenden un total de 12 concellos galegos. A conselleira visitou hoxe o concello de Entrtimo acompañada do director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernánzez-Couto e pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz. Nesta zona e no concello limítrofe de Lobios, ambas as dúas afectadas polo incendio forestal acontecido o pasado 6 de setembro, arderon un total de 2.800 hectáreas.

Para a recuperación das zonas arrasadas polo lume, a Xunta destinou un total de seis millóns de euros. No caso do concello de Entrimo, levouse a cabo unha corta e picado de restos non madeirables nunhas 55 hectáreas. Segundo informan dende Medio Rural, procedeuse á corta e astillado de más de 63.000 pés de árbore. No eido do tratamento da erosión, empregouse a técnica coñecida como “mulching”, que consiste en distribuír palla e outros materiais de orixe vexetal nas zonas afectadas, ben de xeito manual ou a través dun helicóptero, para rexenerar os solos e evitar arrastres polas chuvias.

Por outra banda, tamén se levaron a cabo albarradas para a suxeción do terreo e sedimentos en preto de 5.500 metros, cifran dende Medio Rural, así como o desmantelamento total dun peche gandeiro -de 5.660 metros-, “do que xa se repuxo uns 2.000 metros”, informaron. Por último, no campo da reparación e acondicionamento de infraestruturas, realizáronse melloras en 16.000 metros de pistas deste área coa limpeza e refino das cunetas e o perfilado do plano de fundación, coa colocación de 270 metros de canos.

A Xunta está a actuar deste xeito na recuperación deses terreos onde se rexistraron os incendios forestais máis relevantes deste ano en Galicia. Na provincia de Ourense, ademais de en Entrimo-Lobios, están a traballar na recuperación dos municipios de Monterrei-Muíños, Avión e Boborás. Na Coruña estase actuando no concello de Porto do Son e en Pontevedra traballan nos concellos de Arbo -As Neves, Caldas de Reis, Catoira, Cotobade e Redondela-Soutomaior.

Artigos relacionados

Back to top button