O Concello do Barco instalará armarios con mangueiras contra incendios en todos os núcleos rurais do municipio entre este ano e o que ven. Así o vén de anunciar, indicando que o orzamento da primeira fase do proxecto, co que se pretende “que a meirande parte dos pobos do municipio dispoñan de medidas para defenderse contra os lumes”, foi de preto de 25.000 euros e que a instalación en todos os núcleos de poboación completarase no vindeiro exercicio.
A empresa Sistemas de Seguridad Rigel S.L. é a adxudicataria inicial do subministro, cunha oferta de “case 18.000 euros e 6 anos de garantía para os equipos”. Unha vez feita a adxudicación definitiva, a empresa disporá de 20 días para facer a entrega e proceder á instalación dos materiais.
Tal como explican dende o Concello, os armarios instalaranse en cada poboación, (cada núcleo disporá de un ou dous armarios, dependendo do seu tamaño), e colocaranse nas ubicacións máis idóneas, para que cumpran co obxectivo de servir aos veciños como primeira defensa, en caso de lumes ou incendios, ata a chegada dos servizos de emerxencias. Estarán conectados a bocas de incendios, e cada un destes armarios conta con dúas mangueiras de 45 milímetros e 30 metros de lonxitude, redutores, chaves de aperturas de hidrantes e lanzas.